jueves, noviembre 03, 2011

Outubro Negro

Finalizou por fin este mes de outubro tan negativo para os intereses do Santiso, e é que nada menos que 5 derrotas en outros tantos partidos acadou o equipo. A última dolorosa, por cinco goles a cero contra o Tordoia.


Polos visitantes xogaron, Charli na porta, Javi Ministro, Tono, Manuel e Kike en defensa, Roberto, Micho, Luis e Alex no medio, Fran na media punta e Manolo no ataque. Na segunda metade actuaron Iván, Javi Liñares, José, Javi Ourense e José de Trebolo no lugar de Charli, Roberto, Micho, Fran e Alex respectivamente.


Os locais foron claramente superiores xa na primeira parte á que se chegou con dous a cero, o mellor xogo do Santiso produciuse tras o descanso pero o terceiro gol local pesou moito na moral visisitante que posteriormente apallou outros dous goles máis.


Esperemos que este mes de novembro nos ofreza mellor xogo e resultados que o pasado. O vindeiro domingo, visita o Novo Zahorra o Touro. Vamos que toca gañar xa!!


Un saúdo e forza Santiso!!

martes, octubre 25, 2011

Nova Derrota

Tras un inicio brillante, o Santiso vaise apagando nesta tempada e sumou o cuarto partido perdido da liga. Foi ante o Ortoño por un gol a dous no Novo Zahorra.




Os protagonistas por parte local foron os seguintes; Charli na porta, Isma, Tono, Dani e Javi Ministro en defensa, Roberto, Manuel, Kike e Alex no medio do campo, Micho de media punta e Manolo na punta do ataque. No segundo acto xogaron Fran, Javi Ourense, José Trebolo e Javi Liñares que entraron en sustitución de Manuel, Roberto, Dani e Isma respectivamente.




O Santiso presentabase disposto a lavar a imaxe ofrecida o domingo anterior fronte o derradeiro clasificado. A pesar de non puntuar esta meta logrouse sobre todo na segunda metade. Os visitantes mostraronse bastante seguros atrás e coa clara estratexia de mandar balóns en longo ós atacantes, foron múltiples os fóras de xogo nos que caeron os dianteiros do Ortoño pero cando esta circunstancia non se daba, as ocasións eran moi claras e nunha delas conseguiron adiantarse no marcador. Os locais conseguiron o empate gracias a Manolo que convirteu un saque en longo de Charli nunha ocasión de gol, é unha mágoa que o excelente momento de forma do de Vilar non sexa aprobeitado polo equipo, leva xa 7 goles en 6 xornadas. Así se chegaría ó descanso.




Na segunda metade, o Santiso dispuxo de máis ocasións e quizais tamén de máis dominio, Alex tivo a oportunidade de adiantar ós verdiamarelos pero o esférico non quixo entrar. Minutos despois, os visitantes, nunha xogada calcada ó primeiro gol conseguían o definitivo resultado de 1-2. Alex de novo e Manolo despois puideron conseguir cando menos o empate pero os puntos fuxiron do Novo Zahorra.




O próximo partido será contra ó lider Tordoia en campo foráneo, ogallá demos a sorpresa.




Un saúdo e forza Santiso!!

martes, octubre 18, 2011

Accidente

Visitaba o Santiso ó pechacancelas da clasificación, O Xa Chegou; polo que se presaxiaba unha victoria cómoda. Nada máis lonxe da realidade, os locais lograron a súa primeira victoria da tempada por tres goles a un.


O once inicial do Santiso foi o composto por Charli na porta, Javi de Liñares, Tono, Manuel e Ismael en defensa, Jose do Padrón, Luis, Kike e Alex no medio, Fran na media punta e Manolo no ataque. Na segunda metade entraron Roberto por Jose do Padrón, Ivan (que pasou a portería e Charli ó ataque) por Javi Liñares, Javi Ourense por Luis e José de Trebolo por Alex.


Quizais con un exceso de confianza entraron os visitantes no partido, é inda máis, cando unha cantada escandalosa do porteiro local permitía a Manolo anotar o cero a un cando apenas se disputaran cinco minutos. A relaxación apoderouse do Santiso e os locais comezaron a ter oportunidades; nunha delas conseguiron o empate antes do descanso.


Tras o tempo de lecer, máis do mesmo, un Santiso que tiña algunha que outra ocasión pero as máis claras viñan polo lado santiagués en numerosas contras; así chegou o segundo e despois o terceiro. Non foi sen dúbida o mellor dos encontros por parte do Santiso, esperemos que poidamos aprender da derrota e volver á racha de triunfos que conseguimos non fai tanto tempo.


A primeira oportunidade de resarcirnos, este domingo no Novo Zahorra contra o Ortoño ás 4.30 da tarde. Hai que animarse equipo!!


Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, octubre 13, 2011

Decepción

Esa é a palabra que mellor resume o partido do pasado fin de semana. Ben é certo que o Camporrapado mellorou con respecto a pasadas campañas pero o ambiente auguraba unha victoria que nos colocaría na zona noble da clasificación. Non foi así, os visitantes levaron os tres puntos do Novo Zahorra tras vencer por cero goles a dous.


Os protagonistadas do encontro por parte do Santiso foron os seguintes; Ivan na portería, Isma, Tono, Dani e Javi Ministro na defensa, Roberto, Micho, Manuel e Alex no medio, Fran na media punta e Manolo arriba. Na segunda metade participaron Javi de Liñares, Charli (que o fixo de dianteiro), Javi de Ourense, Jose do Padrón e José de Trebolo que entraron por Micho, Roberto, Dani, Alex e Manuel respectivamente.


Foi un partido bastante parexo na primeira parte, ningún dos dous equipos acadou ocasións claras de gol, polo Santiso Manolo tivo a máis clara nun remate centrado que despeixou o gardamallas visitante.


Chegamos así a segunda parte e cada vez a sensación máis clara de que o primeiro que anotara un gol se levaría o partido. Mediado o segundo acto, Dani non foi quen de despexar un balón no medio do campo o que permitiu o Camporrapado facerse co esférico e con ventaxa númerica ante a defensa local, conseguían batir a Iván. Neste intre, o Santiso empezou a xogar cunha defensa de tres buscando o empate pero os espacios atrás fixeronse máis grandes e nunha contra chegou o segundo.


Agradecer unha vez máis a afición a boa entrada no Novo Zahorra, lástima non poder agasallala con unha victoria. Agardemos conseguila o próximo domingo a domilicio contra O Xa Chegou, que a pesar de ir de pechacancelas non será fácil, o último partido perdeu cun marcador apretado fronte un dos importantes da liga polo que haberá que estar concentrados.


Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, octubre 06, 2011

Primeira Derrota

Desafortunadamente chegou o primeiro traspés para o Santiso nesta tempada. Derrota por 3 goles a 2 fronte ó Agrón, ó mellor equipo sin dúbida dos quese leva enfrontado a U.D. neste curso.


Moitísima calor a que agardaba a ambos equipos o pasado domingo, nun día máis ben de xullo ou agosto que de outubro. O esforzo físico do plantel foi incomiable e inda que os locais foron algo superiores, o Santiso estivo a piques de sacar algo positivo. A tarde xa non comezaba con bo pé, xa que na autovía que une o aeroporto con Santiago o autocar que trasladaba o equipo sufría un rebentón nunha roda o que supuxo unha pequena perda de tempo e tamén un trasbordo ata outro autocar. Os amigos de tráfico tamén estiveron con nós pouco despois do percance.

No meramente deportivo, o once inicial dos visitantes foi o composto por Ivan na portería, Ismael, Tono, Dani e Alex na defensa, Roberto, Micho, Kike e Fran no medio do campo, Javi de Ourense de enganche e arriba Manolo. Tamén actuaron Javi Ministro, Manuel, Javi de Liñares (última incorporación deste ano), Jose do Padrón e José de Trebolo por Ismael, Dani, Micho, Javi Ourense e Roberto respectivamente.


O Agrón saliu a por todas e comezou a atacar e presionar dende o primeiro minuto, conseguiu adiantarse nunha xogada pola banda dereita na que o Santiso non tirou ben o fóra de xogo. Pouco despois conseguíase a igualada por medio de Kike de remate de falta. Este gol veulle moi ben ós visitantes pois acalmou algo os ánimos dos locais. Con unha boa parada de Iván nun remate dende fóra da área chegouse ó descanso.


Na segunda parte, o partido seguiu polos mesmos derroteiros, un Agrón presionante e un Santiso defendendose como podía sen renunciar ó ataque. Tal foi así que nunha imprecisión entre a defensa e porteiro locais permitiu a Manolo facerse co balón e anotar o 1 a 2. O malo foi que inda restaba moito para o final do choque e o Santiso non puido aguantar o empuxe dos locais. A gran oportunidade para o equipo tivoa Roberto que puido conseguir o 1-3 pero o balón foise alto, na xogada seguinte o Agrón acadou o empate a 2. Foi un duro golpe para os visitantes que recibiron máis tarde o terceiro. Co partido perdido, o Santiso botouse arriba deixando descoidada a parte de atrás; nese intre, o partido púsose tolo e o gol puido chegar por ambos bandos, Ivan desbaratou algunha ocasión local moi clara e por parte do Santiso con sendas oportunidades de Fran e Manolo; a deste último, moi clara cun remate que petou no longueiro e botou na liña de gol pero o marcador xa non sufreu ningunha variación.

Derrota das que non deben doer xa que o equipo douno todo no terreo de xogo e a pesar de ser inferior ó rival plantouse cara en todo momento.

Próxima cita este domingo no Novo Zahorra contra o Camporrapado, un dos invictos da categoría, así que non será fácil. Agardemos que perdan o seu primeiro partido…

Un saúdo e forza Santiso!!

martes, septiembre 27, 2011

Estrea local victoriosa

Segue a boa racha nesta nova campaña, 2 de 2, victoria por dous goles a un fronte o Trazo. O Santiso sitúase con 6 puntos en dúas xornadas tras un gran inicio de campionato.


Os locais mereceron a victoria ante un correoso Trazo que vendeu cara a derrota. Polo Santiso actuaron Charly como gardamallas, Ismael, Tono, Manuel e Alex en defensa, Roberto, Micho, Kike e Jose do Padrón no medio do campo, Fran na media punta e Manolo no ataque. Tras o descanso entraron Dani por Micho, Javi por Roberto, Luis por Manuel, Javi de Ourense por Fran e José deTrebolo por Jose do Padrón.


O partido inizouse con dominio alterno e ningún dos dous equipos parecía ter o control do choque. Serían os locais quen inaugurarían o marcador mediada a primeira parte, Manolo sorprendeu o gardameta visitante que estaba algo adiantado con un remate dende fóra da área. Tras o gol, os locais relaxaronse un pouco e o Trazo comezou a atacar; froito dunha boa combinación anotaron o empate antes do tempo de lecer.


Na reanudación, o Santiso saiu máis motivado e puido marcar en varias ocasións, sobre todo por parte de Kike que rematou ó poste un testarazo nun corner e tamén por parte de Manolo que dispuxo de dous man a man fronte o porteiro do Trazo que non soupo resolver. Sen embargo, o pichichi non podía quedar sen anotar o seu segundo tanto e conseguiríao logo dun pase de Tono; o esférico quedou perfecto para enganchar un gran remate coa perna dereita que facía o definitivo 2 a 1.


O Trazo buscou o empate nos minutos finais e puido conseguilo pero Charli estivo espléndido para desbaratar a oportunidade visitante. Tocou sufrir como soe ser habitual nos finais dos encontros do Santiso pero a victoria non se escapou do Novo Zahorra.


O próximo partido será lonxe de Santiso contra o Agrón, un rival complicado que ata fai dous anos militaba na segunda rexional.


Un saúdo e forza Santiso!!

lunes, septiembre 19, 2011

Inicio con Victoria

Unha nova andaina comezou para o Santiso o pasado domingo; será unha tempada chea de novidades en canto a xogadores, adestrador e rivais. Este ano o Santiso queda encadrado no grupo 8 da terceira rexional na zona de Santiago, polo que con respecto ó ano pasado só nos enfrentaremos a Camporrapado e ó Prevediños. Foi éste último o primeiro adversario co que tivo que loitar o Santiso na primeira xornada para conseguir os primeiros tres puntiños.


Ademáis do debut de algún que outro xogador tamén se estreou como adestrador Joserra, que xa axudou as pasadas campañas a Sandá na dirección da escuadra. O Santiso saltou ó céspede de herba artificial de Touro coa seguinte once; Iván en portería (aquí atopamos a primeira novidade do equipo, o rapaz de Mourazos alternará con Charli a porta do Santiso), Ismael (irmán de Bruno, que se incorpora a disciplina do clube), Tono, Manuel e Alex en defensa, Roberto, Micho, Kike, Jose do Padrón no medio do campo, Fran de media punta e no ataque Manolo.


Os visitantes tentaron dominar dende o inicio o choque e así o fixeron inda que sin grandes oportunidades de gol, a máis clara chegaba por parte local nun man a man que Ivan soupo resolver. Mediada a primeira parte, tras unha falta e un rexeite, o balón quedou nos pés de Manolo que con un certeiro remate co exterior inauguraba o marcador para o Santiso. Pouco duraba a ledicia na parroquia santisense pois tan só un minuto despois, o Prevediños conseguía o empate tras un barullo na área visitante. A pesar do duro golpe, o Santiso seguiuno intentando e antes do remate da primeira metade, Kike conseguía de novo adiantar á U.D. con un certeiro disparo dende fóra da área. Así se chegou ó descanso.


No segundo acto producironse os trocos de Luis por Micho, José por Manuel, Javi de Ourense (realmente é de Vilar do Monte pero traballa en Ourense e é tamén unha nova incorporación do Santiso) por Jose do Padrón, Javi Ministro por Roberto e José de Trebolo por Manolo. Nesta segunda parte, o Prevediños dominou máis o encontro ata que conseguiu de novo igualar o marcador mediada xa a segunda metade. O Santiso non se veu abaixo e cerca do final Manolo conseguía o gol da victoria tras batir por alto ó gardamallas local que se atopaba adiantado. Tocou sufrir un pouco ó final pero a victoria veu para Santiso.


O próximo choque será contra o Trazo no Novo Zahorra o próximo domingo, esperemos unha boa afluencia de público no primeiro partido da casa da tempada.


Un saúdo e forza Santiso!!

martes, agosto 30, 2011

Santiso 5 - Camporrapado 2

Faltan xa moi poucos días para que se inicie unha nova tempada e quedaba pendente a crónica do último partido da anterior. Foi un encontro dominado claramente polo Santiso que sirveu de despedida para un dos grandes xogadores do Santiso, Michel retirouse do equipo despois de 18 tempadas, algo sen dúbida digno de admiración.


A alineación foi a composta por Dani en porteria, Tono, Monchito, Manuel e Kike en defensa, Agustín, Micho, Luis e Alex xogaron no medio do campo e no ataque Michel e Manolo. Posteriormente, José, Javi, Roberto, Bruno e José de Trebolo entraron por Luis, Tono, Agustín, Alex e Michel. Os goles foron obra de Luis por partida doble, Manolo, Agustín e Manuel.


A mediados de setembro iniciase unha nova campaña con novas caras tanto no campo como no banco pero iremolas contanto en futuras crónicas.


Un saúdo e forza Santiso!!

miércoles, junio 15, 2011

Que sí, que somos CAMPIÓNS!!



O Santiso acadou o pasado domingo día 12 de Xuño de 2011, escribir unha das páxinas máis gloriosas da súa historia, cun triunfo que o coronou como campión da Copa do Deza. Vai ser sin dúbida unha data recordada para xogadores, técnicos e a afición por moito tempo.


Todo se iniciaba o pasado 22 de Maio, día das eleccións municipais,o Santiso competía por un posto na final da Copa do Deza contra o Gresande en terras lalinenses. A falta de participación deste ano na copa con tan só 4 equipos, facía que o que conseguise pasar a eliminatoria estaría na gran final do Manuel Anxo Cortizo de Lalín. A ida remataba con un bo resultado para os visitantes; igualada a un tanto, polo Santiso anotou Manolo cun certeiro remate de cabeza a pase de Alex.


No fin de semana seguinte, o Gresande visitou Santiso coa intención clara delevarse o partido e o pase á final. Os visitantes dispuxeron de algunha que outra ocasión para adiantarse pero os locais aguantaron o empuxe nun partido marcado pola forte tormenta que acompañou ós xogadores durante case que todo o encontro. O empate sen goles servialle o Santiso para chegar a final pero os verdiamarelos conseguiron a victoria con un gol de José. Xa só quedaba un pasiño...


E chegou o día, a gran final, o Manuel Anxo Cortizo de Lalín agardaba ó Santiso e ó Deza para decidir quen se levaba o título da Copa do Deza. Ambiente espectacular, unha vez máis a aficion do Santiso de 10, ganou dende o principio o partido da grada por goleada, maior presencia e maior apoio; algo que sin dúbida axudou á victoria final. Como se dun partido de Champións se tratase, trío arbitral e xogadores saudaronse inicialmente e despois o esférico comezou a rodar.


Terreo de xogo ideal para a práctica do fútbol, herva natural e campo grande, moi grande, tanto ó ancho como ó largo. A alinealión do Santiso foi a composta por Charli en portería, Tono, Kike, Dani e José en defensa, no medio do campo, Agustín, Manuel, Monchito e Alex, con Luis de media punta axudando en tareas ofensivas a Manolo que unha vez máis liderou o ataque. O encontro comezou con un Santiso algo nervioso e o Deza dispuxo dunha falta que puido mover xa o marcador nos intres iniciais pero entre Charli e o pau, o balón non entrou. Pouco a pouco, conseguiuse tocar un pouco mellor apelota e o partido igualouse, sin embargo, o Santiso non colleitaba ocasións claras; éstas chegaban polo outro bando obrigando a Charli a volver a intervir nun mán a mán fronte ó dianteiro do Deza. Con cero a cero chegouse ó descanso e coas espadas por todo o alto.


O segundo tempo seguiu polos mesmos derroteiros, cun Santiso sen profundidade. Por parte do Deza un novo man a man que Charli, espléndido, conseguiu desbaratar. No inicio deste periodo, Micho entrou por Dani, quedando Manuel na posición de central e pouco despois mediado o segundo acto chegou o gol, o golazo que valía unha copa, Manolo anoutaba un deses tantos típicos seus aguantando a presión do defensa e cruzando o esférico sin que o porteiro do Deza puidese facer nada. Os rivais acusaron moito o golpe e non foron quen de armar ataques claros; o Santiso dedicouse nese intre a aguantar o marcador sen renunciar ó ataque, os trocos de Javi porAgus e Roberto por Alex axudaron a darlle máis frescura ó centro do campo logo que que ambos corresen moitisimo durante o partido. Luis e Micho puideron sentenciar neste tramo do choque con sendas ocasións pero habería que sufrir ata o final. José de Trebolo entrou por un Manuel lesionado casi no final do partido que se alongou con cinco interminables minutos de desconto. Pero finalmente si, remataba o partido e todos os xogadores se xuntaban no centro do campo cantando campións, campións!! O esforzo merecera a pena. Quedará imborrable a imaxe do gran capitán Tono levantado a copa e cando os xogadores mantearon ó mister Sandá.


O viaxe de volta para a casa podedes imaxinar como foi, con continuos canticos, ata que alguén lle dixo a Luis que fixera un simil con Pepe Reina cando este narrou os dorsais da Selección campiona do Mundo en Sudáfrica. O de Balocás non o dubidou dúas veces e velaquí tedes o resultado:






Gracias a afición unha vez máis por estar co equipo e persoalmente gracias ós meus compañeiros porque o domingo pasado foi un gran día que nunca esquecerei.


En futuras datas comentarase a victoria do equipo contra o Camporrapado na última xornada de liga pero esta victoria merecía unha entrada canto antes para sumarse á que subiu Tono da Voz de Galicia.


Un saúdo e nunca me cansarei FORZA SANTISOOO!!!!

miércoles, junio 08, 2011

Callobre 1- Santiso 0

Quedan pendentes dúas xornadas de liga por comentar polo que tras as pertinentes desculpas pasamos a actulizar algo do que sucedeu xa fai un tempiño.


O Santiso colleitou unha derrota na súa última visita ligueira a campo foráneo, non foi un bo encontro dos visitantes que caeron pola mínima ante un Callobre que desta volta mereceu gañar o Santiso.


Polo Santiso xogaron, Charli en portería, Tono, Manuel, José e Kike en defensa, no centro do campo estiveron Agus, Luis, Micho, Monchito e Alex e na punta de ataque Manolo.


Os trocos da segunda metade de Jose de Trebolo, Roberto e Javi por Manuel, Luis e José non valeron para conseguir arrancar algún punto do campo do Callobre.


Esperemos non tardar tanto para comentar a victoria do equipo na última xornada de liga contra o Camporrapado.


Un saúdo e forza Santiso!!

lunes, marzo 28, 2011

Empate con sabor a derrota

Partido decepcionante o disputado polo Santiso este pasado domingo no Novo Zahorra, non polo xogo xa que o equipo non fixo un mal encontro pero sí polo resultado final acadado. Igualada a un gol ante o Gresande, ese foi o resultado final.

No Santiso xogaron Charli na portería, Tono, Dani, José e Kike en defensa, Luis por diante, Agustín, Micho, Susín e Javi no medio do campo e Manolo arriba. No segundo tempo tamén xogaron Alex, Bruno, Roberto e José de Trebolo que entraron no campo por Luis, Micho, Susín e José respectivamente.

O primeiro tempo foi quizais mellor xogado polo Santiso con boas chegadas a porta rival e sen apuros en defensa, despois de varios intentos, Manolo rachou a súa particular seca goleadora con un testarazo a pase de Agustín dende a banda, gol que xa víramos na casa frente ó Callobre. Puido o Santiso ampliar o marcador nun remate de Javi que Luis impediu involuntariamente.

No segundo acto vimos unha película que soe pasar cando non se cerran os partidos, o Gresande sen facer nada do outro mundo conseguiu empatar nunha xogada moi protestada polos locais pois existeu unha máis que probable falta a Charli nun balón aereo que o árbitro non pitou e que permiteu o dianteiro visitante anotar o gol da igualada. A partir de aí un Santiso con máis corazón que cabeza intentou acadar o gol da victoria pero asumindo tamén riscos atrás; nesta fase os locais puideron anotar algún tanto pero tamén os visitantes que dispuxeron de dúas ocasións claras. Finalmente, case co tempo cumplido, o Santiso acadou a ocasión máis clara nun remate forzado de Roberto que incriblemente conseguiu parar o meta visitante.

Magoa de empate pero o fútbol ten estas cousas, agardemos mellor sorte para os dous encontros que restan para o remate da liga, o primeiro en Callobre dentro de dúas semanas, o próximo domingo dedicarase a que os equipos que teñen algún partido atrasado, disputen o seu encontro.

Un saúdo e forza Santiso!!

martes, marzo 22, 2011

Berres feudo maldito

Menos mal que o Berres conseguiu esta tempada o ascenso de categoría, xa que o Santiso ten un meigallo cando xoga en terras cercanas á Estrada. Desta vez caeu derrotado por 4 a 1 nun partido no que a U. D. chegou a ir gañando pero que o empuxe dos locais na segunda parte rematou por deixar os tres puntos na casa.
O Santiso xogou con Dani en porta, Tono, Manuel, José e Javi en defensa, Roberto, Micho, Agustín, Luis e Alex no medio e Manolo na punta de ataque. Na segunda metade José de Trebolo entrou por Luis.
Nunha maña primaveral visitaba o Santiso ó lider que non demostrou tal condición nos primeiros corenta e cinco minutos. Os visitantes controlaron perfectamente as acometidas do Berres e mesmo crearon algún apuro ós locais. Nunha desas xogadas, un defensa local tocou o esférico coa man dentro da área, sinalando o correspondente penalti o colexiado da contenda. Luis conseguiu o 0 a 1 nun certeiro remate. Cando o encontro chegaba ó descanso, un corner para os locais foi tocado pola defensa do Santiso e entraba na portería. Gol dos chamados sicoloxicos que impediron unha victoria foranea no tempo de lecer.
A segunda metade comezou máis activa por parte do Berres, comezou a ter oportunidades e nunha delas (precedida eso si dun máis que probable fóra de banda a prol do Santiso) logrou adiantarse no marcador. A partir de ahí o Santiso veuse abaixo e a pesar de que tivo algún achegamento o Berres conseguiu anotar outros dous goles máis que deixaron un duro marcador para os visitantes.
Próximo embite, o Gresande no Novo Zahorra, penúltimo choque na casa antes do fin desta campaña, así que animadevos a ver á U.D.
Un saúdo e forza Santiso!!

lunes, marzo 14, 2011

Fin do pequeno bache

Rematou por fin a mala racha que tiña ó Santiso sin gañar nas catro ultimas xornadas. Victoria contundente por tres goles a cero fronte a un Prevediños que sin embargo vendeu cara a derrota.
Pola U.D. actuaron Charli en porta, Tono, Dani, José e Kike en defensa, Roberto, Manuel, Agustín e José de Trebolo no medio do campo e na punta de ataque Alex e Micho. No segundo tempo entraron Michel por Roberto e Luis por José de Trebolo.
As cousas comezaron ben a priori para o Santiso xa que tivo que enfrontarse a un rival que compareceu no Novo Zahorra con tan só 10 xogadores. Pero quizais froito da ansiedade os locais non atoparon a maneira de traspasar as redes do Prevediños no primeiro acto nin tampouco alcanzar un bo nivel de xogo. Salientable tan só un remate de José de Trebolo ó pau e un tiro lonxano de Agustín.
Na segunda metade cambiaron un pouco as cousas, Sandá decideu cambiar o sistema xogando con 3 atrás e 3 arriba. Desta maneira as ocasións comezaron a chegar por mediación de Agus, Micho, Dani e Manuel, e foi precisamente este último o que acadou o gol inicial nun remate dende fóra da área. O gol da tranquilidade chegou logo dun rexeite nun dos innumerables corners que sacou o Santiso na segunda metade, o autor do tanto Luis. Conseguiu repetir o de Balocás nun contragolpe ben levado polo Santiso no que Alex lle cedeu o balón para subir o terceiro ó marcador.
Victoria que debe dar moral para visitar ó lider Berres o próximo Sábado pola mañá, cambio de horario decidido polos pontevedreses.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, marzo 10, 2011

Derrota sin paleativos

O Santiso non foi quen de sacar nada positivo na sempre complicada visita a Tabeirós. Finalmente o encontro rematou con 3 goles a cero para os locais e inda que sexa un resultado un pouco abultado a verdade é que o Tabeirós mereceu vencer o partido.
No Santiso formaron Charli baixo os paus, Tono, Dani, José e Kike en defensa, Manuel por diante, Agustín, Micho, Monchito e Alex no medio do campo e Manolo na punta de ataque. Posteriormente na segunda metade entraron no partido Fran por Micho, Roberto por Manuel e José de Trebolo por Alex.
A primeira parte foi bastante meritoria para os visitantes, tiveron algún que outro apuro en defensa pero conseguiron aguantar coa portería a cero, en ataque Manolo dispuxo dunha gran ocasión nun remate de cabeza que o gardameta local desviou a corner.
O encontro na segunda metade non empezou mal de todo tampouco para os visitantes que dispuxeron dun par de saques de esquina consecutivos a favor. Pero o partido pechouse cando os locais anotaron o primeiro gol, xa que non houbo capacidade de resposta por parte da U.D. Peor se poñían as cousas cando tras unha falta directa o segundo subía o marcador. O terceiro gol, xa no desconto, firmaba un marcador demasiado cruel para un Santiso que inda que non mereceu gañar tampouco tanto castigo.
A próxima xornada visita o Novo Zahorra o Prevediños, equipo que a pesar de estar na zona baixa sempre lle dá problemas ó Santiso. Agardemos que desta vez o triunfo quede na casa que xa son horas!!
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, marzo 03, 2011

Punto escaso

Volveu tropezar o Santiso na mesma pedra outra vez, non foi quen de vencer a un Bandeira que foi inferior no xogo pero contou coa actuación dun gardameta que non deixou entrar ningún gol a prol dos locais. Empate a cero goles para un Santiso que sin dúbida mereceu moito máis.
O equipo xogou con Charli en porta, Tono, Manuel, Dani e Kike en defensa, Luis por diante, Agustin, Micho, Monchito e Alex no medio con Manolo arriba. Tras o descanso entraron José por Luis, Bruno por Alex, Juan Alberto por Micho, Roberto por Dani e José de Trebolo por Agustín.
Na primeira metade non houbo demasiadas ocasións de gol pero as que existiron foron a favor do Santiso por medio de Monchito que rematou alto un lanzamento dende dentro da área e tamén por parte de Alex que non foi quen de batir ó gardaredes visitante.
No segundo tempo chegaron innumerables ocasións para os locais por mediación de Manolo, Alex, Agustín e Roberto pero inda que nalgún caso foi por partida doble o esférico este pasado domingo non quixo entrar. A máis clara foi sen dúbida un remate de cabeza de Agustín que desbaratou o porteiro do Bandeira cunha estirada prodixiosa. Resaltar o bo traballo feito en defensa polo equipo, xa que o Bandeira apenas dispuxo de oportunidades.
Rematado o ciclo do equipo co que menos lle gusta xogar ó noso gran capitán Tono, toca enfrentarse a outro que personalmente tampouco me chista moito, sobre todo pola gran viaxe. O domingo de Entroido toca visitar ó Tabeirós, a ver se o Santiso consegue arracar algo positivo do feudo dos segundos clasificados.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, febrero 24, 2011

Meritorio empate

O Santiso conseguiu arrancar un punto dun dos campos máis dificiles da categoría. Igualada a un tanto que deixou satisfeito ó equipo xa que inda que o marcador foi a favor durante alguns minutos, o Cruces dispuxo dalgunha boa ocasión para levarse o partido.
A U.D. formou con Charli en porta, Tono, Manuel, Dani e Kike en defensa, Luis por diante, Javi, Micho, Monchito e Alex no centro do campo e Manolo arriba. Na segunda metade entraron Bruno, Roberto, José de Trebolo e Fran por Alex, Manolo, Javi e Micho.
Sandá plantexou o equipo ca idea clara de dominar o centro do campo e asurar atrás, en liñas xerais conseguiuse o que o mister se propoñía. O Santiso foi quen de frear o ataque rápido do Cruces durante practicamente todo o choque. Mediada a segunda metade, unha falta ó borde da área foi aprobeitada por Luis para anotar o 0-1; a partir de ahí, o Cruces botouse inda máis arriba e froito deso chegou o empate nun moi probable fóra de xogo do atacante local. O partido puido poñerse peor, cando minutos despois, o Cruces tivo un remate ó longueiro. No último minuto do partido chegou a xogada máis polémica do encontro, ambos equipos quedaron descontentos despois dunha falta indirecta lanzada por Kike. O esférico entraba nas redes da portería local tras bater no meta polo que o gol debería ser válido, con case que todo o equipo do Santiso celebrando case que a victoria, o árbitro doulle o balón ós da casa que iniciaron un contragolpe que podía ser mortal para os visitantes, na metade da xogada o trencilla pitou o final do choque. Engadir que a arbitraxe en xeral foi bastante nefasta, con moitos cartóns para o Santiso que en moitos casos foron inxustificados.
Proximo encontro o domingo fronte o Bandeira, agardemos unha boa entrada no Novo Zahorra da afición que apoiou e moito o domingo pasado en Cruces, algo digno de mención. Gracias.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, febrero 17, 2011

Oportunidade perdida

Gran ocasión a que deixou escapar o Santiso para conseguir escalar ata a cuarta praza. Visitaba o Novo Zahorra o Deza, un equipo que estaba só 2 puntos por encima da U.D. e que agora se escapa ós 5. O resultado foi idéntico ó da primeira volta, 1-2 para os pontevedreses, unha auténtica mágoa porque o gol definitivo dos visitantes chegou cando o partido xa morría.
Polos locais saltaron ó campo, Chali no marco, Tono, Dani e Kike en defensa, Manuel e Luis por diante, Javi, Agustín, Monchito e Alex no medio do campo, con Manolo na punta de ataque. Na segunda metade, entraron Micho por Agustín, Bruno por Alex e Roberto por Luis.
Na primeira metade o Santiso dominou o choque claramente e foise os vestiarios con unha ventaxa dun tanto anotado por Monchito tras un rexeite nun saque de esquina no que Dani rematou ó longueiro, Luis rematou de novo e o de Mourazos aprobeitou o balón solto para anotar o gol para os locais. Pero a cousa non quedou ahí, o segundo puido chegar en varias ocasións; por medio de Luis tras un disparo pegado ó pau que o porteiro do Deza enviou a saque de esquina, con Manolo que tamén tivo a súa ocasión pero de novo o gardamallas visitante desviou o esférico, e sobre todo nunha gran xogada colectiva con cambio de banda incluida con Tono, Alex e Javi como protagonistas que éste último non puido precisar ó chegar forzado á xogada.
Na segunda parte, o encontro cambiou para o lado visitante, o xogo aéreo empregado polo equipo pontevedrés foi finalmente o que desequilibrou a balanza do partido. Froito do dominio, o Deza conseguiu o empate e a partir de ahí o encontro volveuse menos vistoso con menos ocasións en ambos bandos. Neste periodo Kike tivo a ocasión máis clara para os locais por mediación dun libre directo pero o balón foi detido novamente polo porteiro visitante. Sí o fixo desgraciadamente na portería do Santiso tras unha falta colgada dende o centro do campo que o capitán visitante cabeceou ás redes sen tempo xa para que o Santiso puidese evitar a derrota.
Unha pena, pero xa non hai tempo para lamentacións, toca pensar no terceiro clasificado, o Cruces, ó cal renderá visita o Santiso o proximo domingo.

Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, febrero 10, 2011

Novo triunfo

Un Santiso como o dos vellos tempos conseguiu unha merecida victoria na visita ó Camporrapado. Cero goles a dous, foi o resultado final dun choque que tivo ocasións de gol polos dous bandos pero máis claras polo lado visitante.
A mención dos tempos de antano ven porque o equipo presentouse con só 11 xogadores e apenas 10 minutos antes de que se inciase o choque, con unha visita á nova ponte do ave de Ponteulla incluida. Estas situacións dábanse moito en tempadas anteriores, algo que afortunadamente nesta tempada inda é a primeira vez que sucede. De tódolos xeitos, estas anecdotas son as que quedan gardadas na memoria despois duns anos.
No meramente deportivo, o Santiso xogou con Charli en porta, Tono, Dani e Javi en defensa, Manuel e Luis por diante, Roberto, Micho, Fran e Alex no medio do campo, con Manoliño pichichi na punta do ataque.
A primeira metade deixou máis ocasións na área local que na visitante, Manolo primeiro e Roberto despois tras un bo centro de Alex puideron anotar pero foi noutra xogada con algún que outro rexeite cando o esférico lle quedou perfecto a Manolo para marcar o primeiro.
Na segunda parte, o Camporrapado botouse arriba e puido empatar nunha serie de catro saques de esquina consecutivos; nun deles, Luis sacou un balón coa testa na mesma liña de gol. Foi entón cando os visitantes comezaron a ter máis ocasións á contra para buscar o gol da tranquilidade. Nesta fase do choque, os locais colgaban balóns unha e outra vez á area do Santiso pero con escaso acerto, mérito en parte da defensa e porteiro visitantes; pola outra banda, de novo Roberto puido marcar, asi como Javi pero o gol facíase agardar. Finalmente, Manolo, que fixo un magnifico partido, acadou o segundo tras un gran pase de Fran (previamente o árbitro anulara outro gol cos mesmos protagonistas) e xa está segundo na carreira polo pichichi da categoría.
Próximo partido, o domingo ante o Deza, comenza a terceira volta contra o equipo que ademais do lider conseguiu levar os tres puntos do Novo Zahorra.
Un saúdo e forza Santiso!!

martes, febrero 01, 2011

Polo bo camiño


Nova victoria do Santiso como local, esta vez ante un correoso Callobre que dou guerra ata o final pero que non puido evitar un triunfo moi merecido para a U.D. O encontro rematou cun resultado corto de un gol a cero para os da casa xa que mereu algunha diana máis.

Os protagonistas do choque foron Charli en porta, Tono, Dani e Kike en defensa, Manuel e Luis por diante; no medio do campo, Roberto, Micho, Agustín e Alex e na punta de ataque Manolo. Na segunda mitade producironse os trocos de Javi por Roberto, Monchito por Micho, Bruno por Dani, Jose por Alex e José por Manolo.

Tras un inicio dubitativo na que o Santiso non creou moito xogo, mediada a primeira parte foron chegando as primeiras oportunidades de gol. Luis tivo a máis clara rematando de cabeza tras unha boa asistencia de Alex pero o gardamallas visitante fixo unha magnifica estirada para mandar o esférico a corner. Pero o gol no Santiso esta tempada leva o nome de Manolo, nun saque de banda de Agustín prolongou de cabeza un balón que finalmente entrou na portería do Callobre e subía ó marcador o único gol do encontro.

No segundo acto, o marcador puido incrementarse sobre todo con dúas boas ocasións de Monchito primeiro, tras un remate de falta que se foi pegadiño o pau visitante e pouco despois tras un remate de Manolo que de novo o porteiro visitante sacou de forma espléndida. O resultado corto permitiu ó Callobre apretar un pouco ó final creando algunha ocasión pero a defensa local estivo segura e aguantou coa porta a cero por segundo partido consecutivo.

Queda como anéctoda a imaxe que se ve ó inicio desta crónica, as botas que Charli se veu na obriga de "colgar" despois de 7 anos, moita historia teñen visto...

Un saúdo e forza Santiso!!