jueves, diciembre 16, 2010

Punto en Bandeira

Xusto empate a un gol o acadado polo Santiso na súa visita a Bandeira, ben é certo que dado o desenvolvemento do choque se poida pensar que se perderon 2 puntos pero se analizamos o encontro na súa totalidade o empate é un resultado co que o equipo se pode dar por contento.

Polo Santiso formaron Dani en porteria, Agustín, Manuel e Kike en defensa, Luis e Micho por diante, Roberto, Fran, Juan Alberto e Alex no medio do campo e Manolo arriba na punta do ataque. Na segunda metade entraron Bruno por Roberto, Javi por Alex, Tono por Juan Alberto e José de Trebolo por Manolo.

Tras unha primeira parte na que o Santiso puxo o fútbol e o Bandeira as ocasións máis claras chegouse ó descanso con empate a cero inicial. Tras a reanudación o partido igualouse bastante pero sin embargo o Santiso dispuxo de opcións claras para anotar, primeiro por parte de Bruno e despois por parte de Manolo, ambas ocasións desbaratadas polo porteiro local cunhas esplendidas paradas. Sin embargo, a dez minutos do final unha boa combinación entre Javi e Fran remataba en gol deste último. Cando parecía que os tres puntos ian ir para Santiso, unha falta escorada convertíase en gol para o Bandeira, unha verdadeira mágoa porque o partido xa estaba no desconto.

Próximo partido o domingo no Novo Zahorra frente o Tabeirós, equipo que está na segunda praza da clasificación. Con este encontro, remataranse os partidos neste 2010 debido as festas navideñas.

Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, diciembre 09, 2010

Victoria sufrida!

Catro partidos gañados e cinco sen coñecer a derrota, boa racha a que leva o Santiso dende a debacle de Berres; este domingo conseguiu vencer ó Cruces nun encontro que parecía resolto nun principio e que se complicou moito posteriormente.

Imos cos protagonistas do choque aparte da afición local que unha vez máis acompañou ó Santiso no Novo Zahorra; o equipo formou con Charli en portería, Agustín, José e Kike en defensa, Luis e Dani por diante, no centro do campo estiveron Roberto (que voltou tras a súa lesión), Manuel, Micho e Alex e na punta de ataque Manolo. Cando o partido inda non chegara ó descanso, José tivo que abandoar o choque por un pinchazo e Fran entrou o terreo de xogo. Posteriormente, na segunda metade, Susín entrou por Roberto, Michel por Manolo e José de Trebolo (que tamén voltou tras unha lesión) por Alex.

O encontro puxose de cara para o Santiso tras unha fermosa xogada que iniciou Agustín con un cambio de xogo á banda esquerda que recolleu Alex, éste apurou ata a liña de fondo e centrou un balón preciso para que Manolo na boca do gol, só tivese que empurar o esférico as mallas visitantes. Non quedaron ahí as ansias de gol do Santiso xa que tras un fóra de xogo sinalado ó Cruces, Charli golpeou a pelota cara a área visitante na que emerxeu Micho que con un inmenso remate de cabeza acadaba o segundo gol dos locais. Na primeira parte caeu tamén a condición de imbatido dos da casa que levaban dous encontros consecutivos sen encaixar un gol, o Cruces aprobeitouse dunha contra para reducir distancias antes de ir camiño dos vestiarios.

O segundo periodo non podía empeazar peor para os intereses do Santiso xa que nunha falta, o Cruces acadaba o empate tras un erro da defensa local. Neste intre o partido semellaba complicarse para os da casa, e inda máis cando minutos despois Charli era expulsado por protestarlle ó árbitro. Sen embargo, a U.D. sacou orgullo e casta e non só foi quen de aguantar o empate con un menos senon que conseguiu adiantarse de novo no marcador o anotar Manolo un balón que a defensa do Cruces non foi quen de despexar. O Santiso soportou o asedio visitante no treito final do encontro pero o marcador xa non sufriría máis variacións.

Próximo embite en Bandeira, campo que tradicionalmente se lle dá mal ó equipo, agardemos que se trunque a racha e que a siga a boa xeira de resultados acadados ultimamente.

Un saúdo e forza Santiso!!

martes, noviembre 30, 2010

Nova victoria, e van 3 seguidas!

Moito frio recibeu o Santiso na súa visita a Lalin deste pasado fin de semana; as baixas temperaturas que asolaron toda Galicia e en especial nas terras do Deza foron unha nota destacada do encontro. Sumouse a esta circunstancia, o comenzo nun horario inhabitual, practicamente cumprianse as 7 da tarde-noite cando o pitido do árbitro anunciaba o inicio do choque.
No Santiso formaron Charli en porta, Agustín, José, Kike en defensa, Luis e Dani por diante, no centro do campo estiveron Fran, Micho, Monchito e Alex e na punta de ataque Manolo.
A primeira parte que realizou o equipo foi moi salientable, das mellores da tempada, xogando no feudo do segundo clasificado dominou casi de cabo a rabo os primeiros 45 minutos a base de boas combinacións e poucos atrancos defensivos. Nesta xornada, Manolo non anotou, pero foi gracias a unha presión do pichichi do equipo ó porteiro local como Monchito se fixo co esférico e proporcionou un preciso balón a Fran para que anotase o que finalmente sería o único gol do encontro.
Na segunda metade do partido, o Deza apretou máis e puido lograr o empate nalgunha acción aillada, algo que sería inxusto, o Santiso mereceu claramente a victoria e incluso puido agrandar a diferencia no marcador con sendos remates ó pau de Alex e Fran respectivamente. Neste periodo, Bruno entrou por Micho, Javi por José e José de Trebolo por Manolo.
Parece que por fin o Santiso atopa o bo camiño, pero non é tempo de relaxacións, o Cruces visita o Novo Zahorra o próximo domingo, equipo que goleou á U.D. na primeira volta por 3 a 0. Esperase unha boa presencia de aficionados como está sendo habitual incluso fóra da casa como este pasado domingo, algo moi de agradecer.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, noviembre 25, 2010

Segunda victoria seguida


Encarrilou o Santiso dúas victorias consecutivas tras o partido disputado o pasado domingo fronte o Camporrapado. Victoria por un gol a cero que non foi fácil, porque o equipo segue a mostrar unha clara falta de pegada ante a meta contraria e esto suponlle pasar apuros en defensa.

Os protagonistas do Santiso que saltaron ó Novo Zahorra foron Charli en portería, Agustín, Dani e Kike en defensa, Manuel e Luis por diante, como mediocampistas figuraron Juan Alberto, Micho, Monchito e Alex, e na dianteira Manolo. Na segunda metade entraron Susín por Luis, Bruno por Micho, Michel por Manolo, Javi por Alex e José por Manuel. Na instantanea que se sacou antes do partido figuran tamén o mister Sandá, os tocados ou non convocados Tono, Jose do Padrón, Roberto e José de Trebolo e os ex-xogadores do equipo Alfonso e Moncho.

Foi en xeral un bo partido do equipo, estivo serio en defensa e adiante dispuxo de varias ocasións, sobre todo na primeira metade, periodo donde Manolo anotou o único gol do encontro. O de Vilar, que non de Transfontao, parece que colleu "carrerilla" e encabeza o pichichi particular do Santiso con cinco dianas.

Na parte final do partido o equipo sufreu as acometidas do Camporrapado buscando o gol do empate, motivadas tamén pola expulsión de Susín no tramo final do choque. Non subiron máis goles ó marcador e o Santiso colleitou a terceira victoria do campionato.

Este próximo domingo, iniciase a segunda volta contra o Deza, equipo que venceu no Novo Zahorra na primeira xornada, agardemos poder devolverlle o "detalle".

Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, noviembre 18, 2010

Primeira victoria como visitantes!

Chegou a primeira victoria a domicilio para o Santiso, foi en Callobre, mentres agardamos por unha crónica que nos comente detalles de como foi o partido, deixamos plasmados algúns detalles.
O partido chegou o descanso co resultado inicial pero na segunda parte, o Callobre adiantouse no marcador pero o equipo verdiamarelo conseguiu a remontada como o ano pasado. Anotaron Alex e Jose do Padrón, éste último parece que lle ten tomada a medida ó campo do Callobre pois xa o ano pasado anotara un gol.
Outro dato positivo foi a volta ós campos de Monchito, agardemos que volva ser o de inicio de tempada.
O proximo domingo visítanos o Camporrapado no Novo Zahorra cerrando xa a primeira das tres voltas que se van disputar este ano.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, noviembre 11, 2010

Empate con sabor a derrota

Inda que o equipo segue coa racha de non caer derrotado contra o Gresande, a sensación que se sentía no vestiario local era de que se estragara unha boa oportunidade de aledar a afición.
Douse a circunstancia de que o equipo visitante non tiña equipación e por tanto o Santiso cedeulle unha das súas; o inicio do partido foi algo "rechamante", era un Santiso contra Santiso!
No meramente deportivo, o equipo da casa saliu o campo cos seguintes xogadores; Charly en porteria, Tono, Agustin e Kike en defensa; Roberto, Manuel, Luis, Micho e Fran no medio do campo, con Alex e Manolo na punta de ataque. O partido non puido empezar mellor, pouco despois do inicio, tras unha xogada de Luis, na que participou tamén Alex, o equipo local inaugurou o marcador por medio de Manolo. Parecia que se ía cumplir a tradición de vencer ó Gresande pero o equipo visitante non se rendiu e acadou o empate tras un saque de esquina no que o esférico chegou o borde da área e tras unha bolea se coase nas redes do equipo local.
Pero o Santiso, conseguiu casi de inmediato poñerse de novo por diante o transformar en gol Alex un magnifico pase de Luis. Manolo tivo o terceiro nunha boa ocasion pero o balón non quixo entrar e así o fío do descanso o Gresande acadou o definitivo empate a 2.
Dispuxo o Santiso de ocasións claras de conseguir o gol da victoria, sobre todo por medio de Alex que gozou de duas boas oportunidades pero o resultado xa foi inamobible.
Os trocos que se produciron foron os de Susín por Fran, Dani por Luis, José por Tono, Bruno por Roberto e José de Trebolo por Manuel.
Concluindo, unha redundancia sobre o que vimos contando nos últimos choques, falta de pegada arriba do equipo que supón unha perda importante de puntos; sen dúbida o dato positivo é que sí se están a crear oportunidades así que agardamos que pronto chegen os goles e as victorias.
Un saúdo e forza Santiso!!

viernes, noviembre 05, 2010

Previa Santiso - At. Gresande

Como sabedes, o Gresande é un equipo que tradicionalmente se nos da ben. A ver se funcionan as estadísticas desta volta e gañamos o partido, que boa falta nos fai.

Aquí vos deixo as crónicas das dúas victorias que colleitamos ante eles a tempada pasada:
1ª volta
2ª volta

jueves, noviembre 04, 2010

Derrota dolorosa

Desgraciadamente cumprironse os peores presaxios que Tono indicaba na previa e o Santiso caeu en Berres polo mesmo resultado que na campaña pasada (7-1).
O caso é que probablemente o equipo non mereceu unha derrota tan abultada, pero cando o equipo rival marca casi tódalas ocasións que ten e por outra banda se fallan as que se teñen a favor (só Manolo nunha ocasión acadou batir o porteiro local), o resultado pode ser cruel; como foi o caso do pasado domingo.
O equipo formou con un esquema inusual e innovador, 2-3-3-2; Dani en porta, Tono e Kike atras, con Agustin, Manuel e José Trebolo por diante, no centro do campo estiveron Roberto, Micho e Alex e na punta Manolo e Juan Alberto. Posteriormente na segunda parte, Fran entrou por Alberto, Susín (nova incorporación do clube) por José Trebolo, Luis por Micho, José por Kike e Jose por Roberto.
Pouco máis que comentar dun partido que cómpre esquecer canto antes para pensar no próximo; o Atl. Gresande visita o Novo Zahorra o domingo pola tarde. Agardemos unha nova victoria para aledar a equipo e afición.
Un saúdo e forza Santiso!!

viernes, octubre 29, 2010

Previa Berres-Santiso

Este domingo visitamos ó lider, o Berres, que tra-las 5 xornadas disputadas, é o único equipo que conta os seus partidos por victorias, o que da conta da dificultade que vai ter o encontro. Para que non decaia o ánimo, recordar que o ano pasado fomos quen de gañarlles por 6-1 na casa. Claro que aló devolvéronnolo, claramente con contundente 7-1. Poucas veces se debeu dar un par de resultados tan dispares co mesmo equipo e na mesma tempada.

Pois nada, agardamos que o partido se pareza máis ó da ida que ó da volta, para que o longo desplazamento á Estrada se faga máis levadeiro.

martes, octubre 26, 2010

Partido Surrealista

Chegou por fin a primeira victoria do equipo, foi ante o Prevediños pero houbo que sufrir, é moito. A crónica deste encontro non se entende sin a aportación dun árbitro que chegou con ganas de ser protagonista e sin dúbida, conseguiuno.
Antes de pasar coa crónica, citaremos o equipo titular; Charly en porta, Agustin, José e Kike en defensa, Roberto, Manuel, Micho, Fran e Alex no medio do campo; con Manolo e Luis na punta de ataque. Na segunda parte entraron Dani por José, Javi por Luis, Bruno por Roberto e José Trebolo por Micho.
Citados os xogadores, imos pois co que sucedeu no terreo de xogo. Cando apenas se disputaran quince minutos de partido, o trencilla decideu suspender o partido por insultos que recibía na grada e decideu parar ata que a Garda Civil se acercase polo campo.O partido estaba a ser moi tranquilo e non existira ningún motivo polo cal tomar tal decisión. Ante a incredulidade de público e xogadores, o encontro estivo parado durante máis de media hora ata que finalmente se reanudou.
O parón sentou mal ó Santiso xa que antes del, dominaba claramente o partido e xa dispuxera dunha ocasión multiple con Luis primeiro e Micho despois como protagonistas. Tras o reinicio, nunha xogada sen aparente perigo, o árbitro sinalou falta a favor do equipo visitante e posteriormente o balón internouse nas redes da porta local antes de que o Prevediños sacase a infracción. Pois ben, para a sorpresa de todo o mundo, sinalouse gol visitante debido a unha suposta "lei da ventaxa" que incredulos, os xogadores locais tiveron que aceptar.
Uns minutos máis tarde, continuou o particular "show" do colexiado pitando penalti a favor do equipo local por man inexistente do Prevediños dentro da área. Luis foi o encargado de conseguir o empate para o Santiso.
Posteriormente na segunda parte, veuse un partido algo máis "tranquilo" por parte do trencilla; inda que os continuos paróns por fóras de banda e faltas inexistentes desquiciaron a máis de un. Todo isto provocou que o partido se volvese un pouco tolo e tras ocasións claras para o Santiso (gol de Javi mal anulado incluido), chegou o turno para o Prevediños que tivo dúas clarísimas que Charly sacou de forma extraordinaria.
Finalmente, o Santiso conseguiu o gol da victoria por parte de Manolo que levou o delirio ás gradas que ateigaban unha vez máis o Novo Zahorra.
Posteriormente e xa co partido prácticamente finalizado, o colexiado foi de novo protagonista expulsando a dous xogadores visitantes.
En definitiva, tres puntiños moi sufridos que esperemos sirvan de ánimo para o equipo que xogará o próximo encontro frente ó Berres en terras pontevedresas.
Un saúdo e forza Santiso!!

miércoles, octubre 20, 2010

Non arracamos!!

Falta clara de definición ante a porta contraria, eso é o que está a matar ó Santiso neste inicio de liga. O equipo foi superior en varias fases do partido frente ó Tabeirós, pero non foi quen de adiantarse no marcador.
As ocasións máis claras chegaron tras o descanso por mediación de Manolo e Fran pero o esférico non quixo entrar. Sí o fixo posteriormente na portería da U.D. e por partida doble, algo que desmotivou en demasía tanto a xogadores como a afición que acudeu para ver ó seu equipo lonxe de Santiso (algo que agradece o equipo enormemente). O gol que anotou Javi xa no minuto 90 non sirveu máis que para maquillar o marcador; 2-1 final que deixa un mal sabor de boca e que impide que o equipo consiga a primeira victoria.
O equipo formou con Charly en porta, Roberto, Dani, José e Kike en defensa, Fran, Luis, Agustin, Micho e Alex no medio, con Manolo na punta de ataque, posteriormente na segunda metade, Michel, Manuel, Bruno, Javi e Jose de Trebolo entraron por Dani, José, Fran, Alex e Manolo.
En fin, nova decepción para un equipo cheo de ganas de agradar pero que non acaba de ter sorte arriba, esperemos que pronto cambie esto.
Proximo partido, o domingo fronte o Prevediños no Novo Zahorra.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, octubre 14, 2010

Estrea no casilleiro

Non conseguiu o Santiso superar ó Bandeira no choque do pasado domingo, pero cando menos acadou un empate ante o equipo pontevedrés.
O equipo xogou sin duda o mellor partido do que vai de tempada merecendo a victoria pero esta resisteuse e incluso houbo momentos no que o resultado foi desfavorable.
O Santiso formou con Charly en porteria, Roberto, Agustin, José e Kike en defensa, Fran, Luis, Micho e Alex no medio, con Juan Alberto e Manolo na punta de ataque. Na segunda parte entraron Manuel por Luis, Jose por Micho, Javi por Alex, Bruno por Fran e José Trebolo por Manolo.
Ó descanso chegouse con empate a cero pero primeiro Alex e despois Fran tras un pase de Manolo puideron adiantar ó equipo local, algo que non sucedeu. O que perdoa, acabao pagando e nunha xogada illada xa na segunda parte o Bandeira adiantabase no marcador, resultado a todas luces inxusto polo visto no partido. Sin embargo, o Santiso non se veu abaixo e conseguiu empatar por medio de Manolo tras pase de Juan Alberto que viña de realizar unha gran xogada individual. Puido o equipo conseguir o segundo pero o porteiro visitante estivo moi atinado desviando un disparo de Micho e xa rematando o partido, Javi tivo o gol da victoria pero o esférico foise pegadiño o pau da porteria do Bandeira.
En definitiva, un gran partido do Santiso que non puido acadar a victoria pero que de seguir nesta liña pronto chegará. Cómpre destacar o bó partido realizado en defensa, salientable o partido de Agus e José, e máis no medio, o enorme choque que realizaron Micho e Juan Alberto, agardemos que todo o equipo siga nesta forma.
O domingo, nova xornada, en Tabeirós, unha longa viaxe na procura da primeira victoria.
Un saúdo e forza Santiso!!

sábado, octubre 09, 2010

Previa Santiso - Bandeira

Mañán, as 16:30, partido con ánimo de revancha no Novo Zahorra. O Bandeira é un equipo que non se nos da ben. Sen ir máis lonxe, o ano pasado non fomos quen de marcarlles un só gol, e perdemos por 1-0 en Bandeira e por 0-5 no Novo Zahorra, nos partidos que cerraban a primeira volta e a tempada, respectivamente.

Así que, ... xa sabedes, a animar mañá, a ver se cambiamos esta mala xeira.

jueves, octubre 07, 2010

Segunda derrota

Segue o Santiso coa mala xeira de resultados, esta vez caeu en Cruces por tres goles a cero co que encadea duas derrotas consecutivas.
O equipo formou con Dani en porteria, Roberto, Agustin, José e Kike en defensa, Fran, Juan Alberto, Michel, Micho e Alex no medio do campo e Manolo arriba.
O partido estivo claramente marcado pola xusta expulsión que sufreu Dani nun balón dividido no que o dianteiro local chegou antes que o porteiro nunha xogada que se produceu cando estaba a punto de rematar a primeira parte. Inda que o resultado xa reflexaba un dous a cero no marcador, quedaba toda a segunda parte para que o equipo conseguise a remontada. Motivo polo cal pido disculpas publicamente ó equipo.
José tivo que poñerse na portería e a segunda parte foi máis igualada e incluso o Santiso puido marcar algún gol, sin embargo, acabouse notando a superioridade numérica e nunha contra o Cruces conseguiu o terceiro. Nesta segunda metade entraron no equipo Jose, Luis, Bruno e José Trebolo por Michel, Manolo, Roberto e Alex para darlle mais frescura o equipo pero o final o resultado non puido dar a volta.
Agardemos que este proximo domingo se produza a primeira victoria do equipo fronte o Bandeira no Novo Zahorra.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, septiembre 30, 2010

Estrea con derrota

Seguimos vivos si, nova tempada, novos fichaxes, novas ilusións, ... Agardemos que está tempada sexa mellor que a anterior e poidamos conseguir unha posición meritoria na clasificación final.
Como ben apuntaba Tono na entrada anterior, este ano, vaise realizar unha tempada a tres voltas debido o escaso número de equipos da liga (10); co cal, disputaranse 27 xornadas.
A primeira delas non comezou con bo pé para o equipo, derrota por 1-2 frente ó Deza (antigo At. Balouta). Non foi un partido no que se notase unha superioridade notable do equipo visitante pero quizais os nervos dun novo inicio de liga apoderaronse do equipo local e non se conseguiu executar o xogo que mostrou nalgún dos amigables xogados na pretempada.
O equipo formou con Dani en porta (pola ausencia de Charly), Tono, Agustín, José e Kike (nova incorporación para o lateral zurdo) en defensa, Juan Alberto, Monchito, Luís (outra nova incorporación para o mediocentro da U.D. ) e Alex no mediocampo e no ataque Manolo e Micho.
A primeira parte comezou igualada ata que o Deza conseguiu anotar o gol que lle permitiu adiantarse no marcador, a partir de ahí; o Santiso botouse arriba e conseguiu empatar antes do tempo de lecer por medio de Juan Alberto. Cando o tempo espiraba para que os dous equipos tomaran folgos no vestiario, produciuse unha brutal entrada sobre Alex que o trencilla considerou só como cartón amarelo, puido ser unha xogada clave porque Alex tivo que retirarse e o equipo visitante seguiu con 11 xogadores no campo cando o xusto houbese sido mostrar cartón vermello.
Javi entrou por Alex no descanso e o Santiso buscou o segundo gol sen éxito; Sandá doulle minutos ós xogadores do banco coa entrada de Jose, Roberto, Bruno e José Trebolo (estes tres últimos tamén novas incorporacións do equipo) por Micho, Juan Alberto, Tono e Agustín; pero a U.D. non conseguiu anotar ningún gol. A situación foi peor cando o Deza conseguiu anotar o definitvo 1 a 2 tras un barullo na área local.
Polo tanto, primeiro atranco para o Santiso nesta andaiana 2010-2011, pero que agardemos sexa unha anécdota e conseguir victorias en futuros embites; cómpre engadir tamén que tres xogadores como Fran (que voltou de terras italianas), Manuel e Michel quedaron fóra da convocatoria por decisión técnica; algo que fala moito das ganas dos xogadores por saír ó campo nesta tempada. Esperemos que pronto chegue a inauguración do casilleiro de puntos cunha victoria; primeira oportunidade este domingo en Vila de Cruces (líder tras a primeira xornada).
Un saúdo e forza Santiso!!

miércoles, septiembre 08, 2010

Seguimos vivos

Bueno, como xa veríades, esto andaba un pouco parado desde aló por marzo, cando rematou a tempada pasada.
Mentras espero sacar un pouco máis de tempo para darlle unha voltiña a esto, e que Agus e Dani se incorporen coa mesma forza do ano pasado (foron eles quen mantiveron esto vivo a última tempada), aproveito para presentar xa a nova tempada. Así que por aquí vai o calendario, que podedes ver na páxina da federación galega de fútbol (e en formato descargable). Sen embargo, parece non estar completo, xa que Sandá tras a reunión na federación comentou que se xogaría a tres voltas (ida-volta-ida), mentres que o calendario parece contemplar só un ciclo de ida-volta.

Un saúdo.

jueves, marzo 25, 2010

Triste final

Outra derrota escandalosa puxo fin a tempada do Santiso nesta andaina 09-10 que será recordada pola estrea do Novo Zahorra. Cero goles a cinco foi o resultado final para o Bandeira que a pesar de ser superior o Santiso non mereceu unha victoria tan abultada.
O equipo formou con Dani en porta, Tono, Alvaro, José e Javi en defensa, Manuel, Monchito, Alfonso e Alex no medio, con Micho e Michel en punta. Na segunda metade, Manolo entrou por Michel, Agus por Alfonso e Jose por Manuel.
Destacar de novo o papel da afición do Santiso que presenciou o partido en gran número e animou o seu equipo a pesar do resultado.
Finalmente o equipo remata a liga con 32 puntos, na sexta posición, e quitando estes dous últimos partidos para esquecer, o equipo realizou unha tempada meritoria.
Animo ós seguidores do blog a que comenten como foi para eles a tempada e a Tono e Agus para que fagan unha entrada sobre o que consideren oportuno...
Un saúdo e forza Santiso!!!

miércoles, marzo 17, 2010

Debacle en Berres

Tras un parón de dúas semanas volveu o fútbol para o Santiso, que rendía visita a Berres, ó que se ganou por 6 a 1 na ida.
O equipo local xogábase o ascenso e saiu a por todas dende o inicio, asi foi como conseguiu adiantarse no marcador mediado o primeiro tempo. O Santiso conseguiu empatar tras un bó pase de Monchito á banda hacia Javi que centrou para que Michel conseguise o 1 a 1. Alex fixo o 1 a 2 pero o gol non subeu o marcador por un fóra de xogo inexistente.
Coa segunda parte chegou o baixón fisico do equipo que se viu superado ampliamente por un Berres que anotou tres goles casi seguidos o pouco de reanudar o partido, esto mermou moito as esperanzas visitantes e baixou os brazos; finalmente chegaron outros tres e un resultado final de 7 a 1 moi doloroso para o Santiso.
O equipo formou con Charly en porteria, Tono, Dani e Moncho en defensa, Javi, José, Monchito, Manuel e Alex no medio, con Michel e Manolo en punta. Na segunda parte entraron Agus por Michel e Jose por José.
Partido para esquecer canto antes e pensar no Bandeira, último rival en liga nesta tempada o próximo domingo no Novo Zahorra.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, marzo 04, 2010

Póker de victorias competitivas

Tras un fin de semana sin fútbol para o Santiso e á espera de confirmar o rumor que comentou Alex sobre se este próximo domingo a U.D. disputará partido, toca comentar o último partido que xogou o equipo e que ganou por catro goles a dous fronte ó Cruces. Nova victoria do equipo que supón a cuarta consecutiva, algo que desgraciadamente non é moi habitual.
O equipo formou con Charly en porteria, Tono, Dani, Alvaro e Javi en defensa, Manuel, Monchito, Alfonso e Alex no centro do campo e en ataque Michel e Micho. Foi un partido con moito vento como ven sendo habitual ultimamente no Novo Zahorra, Sandá decideu subir ó centro do campo a Alvaro cando o equipo xogaba co aire a favor e manter o esquema 4-4-2 cando o equipo xogou en contra, con Micho botándo unha man no medio.
Tocoulle ó Santiso iniciar coa "suposta ventaxa" do vento e as cousas non puideron comenzar mellor, gol de Micho cando apenas ían 3 minutos de partido. Parece que o de Piñor colleu carrerilla nesta faceta.
Sen embargo, o Cruces comenzou a chegar con perigo e cando faltaba pouco para o descanso, conseguiu o gol do empate tras unha falta que Charly rexeitou e que ninguén da defensa puido despexar chegando o rematador do Cruces para facer o 1-1.
Mal pintaban as cousas despois do primeiro periodo, xa que a segunda parte ía ser contra o vento e con empate no marcador pero unha vez máis o Santiso conseguiu sair adiante ante a adversidade, así foi como Manuel conseguiu anotar un auténtico golazo enganchando un balón dende o vértice dereito da area que se coou por toda a escadra.
Tras isto, o Cruces non soubo asimilar o golpe e nunha xogada posterior quedaríase con dez homes tras as protestas dun xogador visitante; aprobeitando o desconcerto do Cruces o equipo seguiu ó seu e así tras unha magnifica xogada individual de Michel que nos recordou ó dos vellos tempos, levouse ó defensa por velocidade e cruzou o balón facendo inútil a estirada do porteiro visitante.
Tres a un e con un xogador máis, pero a U.D. tamén é capad do peor, e tras unha xogada enredada o Cruces reduciu distancias poñendo o 3 a 2 no marcador.
O equipo pontevedrés buscou o empate e subiu liñas o que supuxo que o Santiso conseguira enlazar contrataques; nun deles, Alfonso foi trabado cando se dispoñía a tirar dentro da area e o árbitro sinalou con bó criterio o punto de penalti. Tras ésta xogada o Cruces quedou con 9 polas protestas do central e Alex axustando o disparo ó poste conseguiu o definitivo 4 a 2. Quedou demostrado que o aire ás veces pode ser superado por ganas e ilusión.
Durante o encontro producironse os trocos de Moncho por Michel e de Jose por Javi, no que foi a décima victoria do equipo esta tempada. Xa só faltan dous partidos, o proximo fronte o Berres, xa sexa este fin de semana ou o para ó seguinte, seguro que intentarán devolvernos o 6 a 1 da ida, pero o equipo sairá dende logo a gañar como sempre.
Un saúdo e forza Santiso!!

lunes, febrero 15, 2010

Non hai dous sin tres

O Santiso fixo bo o refrán e conseguiu a terceira victoria consecutiva en Silleda por cero goles a un. Gran actuación do equipo que consegue así unha racha de resultados ilusionante cara ó final de liga.
Unha vez máis o míster Sandá decideu plantexar o partido dunha forma novidosa e formou con un esquema 3-5-2; a alineación foi a composta por Charly en portería, Tono, Dani e Moncho en defensa, un tribote no centro do campo formado por Alvaro, Monchito e Manuel, con Sergio e Alex nos extremos e arriba Micho e Manolo.
O equipo comenzou ben dende o inicio con posesión de balón e boa precisión de pases, sen embargo, o único gol do encontro chegou tras unha falta botada por Monchito que Alvaro non consegue rematar pero tal circunstancia provoca que o porteiro local non consiga atallar o esférico e tras golpear no longueiro se convirta no cero a un. Falta facía que Monchito anotase por fin un gol xa que esta tempada non está a ter sorte cos paus, é sin dúbida ó lider neste apartado do Santiso.
Con ventaxa no marcador o equipo baixou un pouco o rendemento pero o Silleda só creaba perigo a través de faltas lonxanas.
Tras o descanso, o equipo dispuxo de máis claras ocasións para facer o segundo, Alex con un tiro lonxano, Manolo por partida doble e sobre todo Micho con un espectacular disparo que conseguiu despexar o porteiro local puideron modificar o resultado pero tocou sufrir ata o final para conseguir a victoria.
A nota negativa do encontro foi a expulsión que sufreu Sergio cando apenas faltaba un minuto para o final tras caer na provocación dun xogador local.
Os trocos do choque foron Javi por Dani e Michel por Manolo, ambos foron por problemas físicos, que agardemos non vaian a máis e non impidan xogar o próximo domingo ante o Cruces; un equipo que ven de golear ó Gresande por sete goles a cero.
Reseñar que con estes tres puntos o equipo consegue a cifra de 15 nesta segunda volta superando nun punto á colleitada na primeira. Ademáis, o “gol-average” global pasa a estar agora igualado con 31 goles a favor e 31 en contra.
Xa só quedan 3 xornadas polo que a afición debe aprobeitar para visitar o próximo domingo o Novo Zahorra ás 4.15 da tarde para ver como o seu equipo intenta conseguir a cuarta victoria consecutiva.
Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, febrero 11, 2010

Santiso 4 - Prevediños 1

Aquí queda a crónica de Dani, que merece estar en primeira plana, ainda que él a engadira como comentario:

Boas!!
Por fin chegou a volta de Tono ó blog, esperabase dende fai tempo. A aportación de imaxes moi boa, como ben dis, hai que ver o como loce!!
Victoria contundente para o equipo que permite manter a sexta praza e coller algo de moral de cara ós últimos partidos de liga.
A alineación foi a composta por Charly na porteria, en defensa Javi, Alvaro, Monchito e Moncho (que volveu ó equipo tras a súa desproporcionada sanción de 3 partidos), Manuel, Alfonso, Agustín e Alex no medio e arriba a doble M, Micho e Michel. No segundo tempo entraron Manolo por Michel, Sergio por Manuel, Dani por Micho e Humberto por Agus (que tivo que retirarse tras recibir un golpe que esperemos non lle impida xogar o proximo domingo en Silleda).
Os goles repartironse a pares en cada período, no primeiro anotaron Michel e Micho, que logrou así o tan ansiado primeiro gol da tempada que xa se merecía xornadas atrás. O prevediños conseguiu reducir distancias pero tras unha magnifica xogada, o equipo facía o terceiro; gran pase ó oco de Micho a Alex que fai o pase da morte para que Sergio remache no segundo pau, golazo. O cuarto non se fixo agardar e chegou por medio de Manolo tras rematar unha falta.
Agora a pensar no Silleda o proximo domingo e intentar devolverlles o 1 a 2 do partido da primeira volta. Esperemos que Tono volva tamén ó terreo de xogo este fin de semana.
Un saúdo e forza santiso!!

miércoles, febrero 10, 2010

Fotos Santiso 4 - Prevediños 1. 07-Feb-2010

Como xa saberedes algúns, ando medio renqueante do abductor dereito, así que este fin de semana, como non podía xogar, aproveitei para cumprir con outros compromisos.
Sen embargo, aquí vos deixo (por xentileza de miña irmá Vanessa), algunhas fotos que fixo durante o partido.
Como loce o Novo Zahorra, hai que ver!!!!

jueves, febrero 04, 2010

Fin da racha negativa

Tras unha particular "costa de xaneiro" na que o Santiso colleitou tres derrotas consecutivas, o equipo volveu á senda da victoria. O derrotado foi o Gresande, conxunto ó cal o Santiso lle ten ben tomada a medida, xa que os enfrontamentos dos últimos anos se contan por victorias.
A victoria deste pasado domingo foi xusta e así o amosa o marcador, 3 a 1 para os da casa, que incluso se permitiron o luxo de errar ocasións claras de gol.
O equipo titular foi: Charli na portería; Tono, Álvaro, Dani e Javi na defensa; Manuel, Agus, Alfonso e Álex no medio; e por último Micho e Míchel adiante. No segundo tempo entrou Manolo por Míchel e Sergio por Álex.
Xa dende o inicio, a balanza inclinouse para o lado do Santiso. Cada un dos dianteiros dispuxo de algunha ocasión para abrir o marcador. Tería máis fortuna Álex, nun tiro dende fora da área que petaba nun defensa e despistaba ó porteiro do Gresande, que vía como se coaba o balón na sua portería sen poder facer nada.
A partir de aí, houbo uns minutos de atascamento do equipo verdiamarelo, nos que lle costou sacar a bola do seu campo. Estes problemas foron resoltos cunha boa xogada que culminaba Álex en gol.
O partido acabou de poñerse de cara, cando Álvaro cabeceou con maestría un córner e subiu ó marcador o terceiro tanto. Incluso se puido incrementar a diferencia de goles cun testarazo de Manuel que deu no longueiro pero que botou na liña, segundo o árbitro. Así que con este resultado de 3-0 chegouse ó descanso.
Na segunda parte pouco que contar, o árbitro adicouse a interromper o encontro e apenas se puido xogar ó fútbol. O Santiso rentabilizou a vantaxe acadada no primeiro tempo, vantaxe que se viu mermada por un gol que meteu o Gresande.
Destacar a enorme actuación no encontro de Micho, que pese a non meter gol, fixo un gran traballo saltando a por tódolos balóns e recuperando un gran número deles amosando así o bo momento de forma no que se atopa. Tamén destacable a actuación de Alfonso, facendo un partido moi completo, tal e como acostuma a facelos.
A nota negativa do día foi a lesión de abductores de Tono, pendente de confirmación, que se sumaría así á de José por escordadura de xeonllo no encontro contra o Balouta.
O seguinte partido volve ser na casa, esta vez contra o Prevediños, así que animádevos a vir. Forza Santiso!!

miércoles, enero 27, 2010

Derrota inesperada

Chegou o Santiso con numerosas baixas ó choque disputado en Lalín contra o Balouta, o que provocou que Sandá improvisara unha aliñación moi novidosa; a saber, Charly en porteria, unha defensa composta por Dani no lateral dereito, Tono e Alvaro de centrais e Javi na banda esquerda, unha liña de catro no medio con Sergio na banda dereita, Alex na esquerda e no medio Monchito e Micho, xogando en ataque Manolo e José.
A pesares de que varios xogadores non se atoparon donde acostuman, o equipo fixo unha primeira parte meritoria xa que tras un inicio dubitativo nos primeiros dez minutos, o equipo comenzou a combinar ben e deste xeito chegou o gol de Manolo.
Con 0 a 1 a favor e coa sensación de facer as cousas ben chegouse ó descanso, algo que máis tarde se vería que non sentou nada ben ó Santiso. Nada máis comezar o segundo tempo, unha serie de rexeites provocaron a igualada no marcador e casi sen asimilar o empate, o Balouta facía o segundo nun saque de esquina. Todo o traballo feito no primeiro acto tirado por terra en apenas 5 minutos.
Costoulle reaccionar ó equipo pero inda así puido empatar nunha boa internada pola banda de Alex que Sergio non puido rematar coa porta xa vacía. Posteriormente, Jose entrou por Micho e colocouse arriba no ataque subindo Alvaro a súa posición o medio do campo quedando o equipo con unha defensa de só tres xogadores. A estratexia non conseguiu os froitos agardados e o equipo recibiu o terceiro gol nunha contra.
Terceira derrota consecutiva para a U.D. que agardará volver a senda da victoria o próximo domingo no Novo Zahorra frente ó Gresande.
Un saúdo e forza Santiso!!

miércoles, enero 20, 2010

K.O.

A visita do Piloño ó Novo Zahorra non deixou títere con cabeza... Impúxose ó equipo local por 0 a 5 con relativa facilidade, demostrando porque é o primeiro clasificado do grupo 11 da terceira autonómica.
O partido foi dominado polos visitantes xa dende o inicio, pese a iso, o Santiso aguantou como puido a embestida e chegou co resultado de cero a cero ó descanso. En cambio, na segunda metade os de Piloño aproveitaron todas as ocasións que erraran no primeiro tempo.
Xogaron de inicio: Charli na portería; Manuel, Tono, Dani e Javi na defensa; Sergio, Micho, Agus, Monchito e Alex no medio; Michel adiante. Foron trocados Micho, Sergio e Dani por Manolo, Jose e José.
Hai que salientar que ningún dos dous equipos fixo un xogo bonito, ó contrario, houbo moito balón aéreo. Condición que o Piloño sabe aproveitar moi ben, xa que ten un equipo moi forte físicamente (e de calidade tampouco andan mal). Como dicía Tono no vestiario unha vez rematado o encontro: "de vez en cando está ben que pase un equipo destes por aquí, son un espello no que mirarse... saltan como cabalos, corren o dobre ca nós... chegan á nosa área en bandada!!"
Que razón ten, o ano pasado este equipo andaba pola metade da táboa coma o Santiso, e cunhas cantas fichaxes e sobretodo cunha gran preparación física mira onde están este ano. Así que... mirémonos neste espello e fagamos o mesmo!! Arriba Santiso!
O próximo domingo...Balouta!

jueves, enero 14, 2010

Derrota honrosa sobre a neve


O temporal que azotou a toda Galicia o pasado fin de semana chegou tamén á Estrada, donde o Santiso rendía visita na decimocuarta xornada de liga. Foi chegar a hora do inicio do partido e comezar a nevar, esta situación prolongouse toda a primeira parte.
Meteoroloxía a un lado, o partido do Santiso pode calificarse de meritorio, a pesares de que se xogaba ante o segundo clasificado da categoría, o equipo saliu sen complexos a un campo que tradicionalmente se lle dá mal.
A aliñación foi a seguinte, Charly na porta, Javi, Tono, José e Moncho en defensa, Manuel, Alfonso, Monchito e Alex no medio do campo e Micho e Michel en ataque.
A crónica do partido empeza con xogadas salientables moi cedo, así, nos primeiros cinco minutos, chegaron dúas ocasións claras para adiantarse no marcador para o Santiso; primeiro Micho rematou de cabeza un balón fóra que a parroquia verdiamarela celebraba xa como o cero a un e na xogada seguinte, Alfonso non foi quen de rematar con éxito unha boa xogada individual.
Tras este inicio frenético do Santiso, o partido equilibrouse e ningún dos dous equipos dominaba claramente. Cando trascurría a primeira media hora de partido o xuíz da contenda inventouse unha expulsión a Moncho que xogadores e afición visitantes non entenderon nin entenden a día de hoxe. O árbitro, conocido xa para o equipo, xa perxudicara ó Santiso frente ó Gresande na primeira volta cunha expulsión inexistente de Manuel.
Unha vez máis, o equipo tivo que xogar con un futbolista menos, o cal supuxo que Javi pasara ó lateral esquerdo, Tono ó dereito e Monchito baixase a súa posición ó centro da defensa collendo Micho o posto deixado polo mediocentro de Mourazos.
O Sporting Estrada puido adiantarse cun remate ó longueiro pero foi unha ocasión aislada xa que o equipo aguantou ben con un menos na primeira parte e con cero a cero chegouse ó descanso.
O segundo tempo non comezou ben xa que ós cinco minutos de reiniciar o choque, un mal despexe defensivo aprobeitabao o dianteiro do Estrada para facer o 1 a 0. Con esta situación o míster decideu facer un segundo troco despois do feito no descanso de Manolo por Michel; Dani entrou por José e Monchito volveu de novo ó centro do campo para xogar así con un 3-4-2 con Micho en ataque outra vez.
A maniobra casi sae ben porque o Santiso dispuxo de novo de dúas boas ocasións por parte de Manolo e Alex pero o gol do empate non chegaba e o tempo rematabase; Sandá decidiu arriscar inda máis e tras o troco de Jose por Tono, Manuel pasou a xogar de lateral e Jose adoptou a posición de extremo dereita, banda pola que tamén fixo dano o Santiso. Esta situación ofensiva do equipo provocou que con 10 dominase o partido durante gran parte do segundo tempo pero co risco das contras do equipo local que implicaban ocasións claras de gol. Foi nunha desas contras donde o Sporting Estrada conseguiu o segundo gol nun pase en longo que Dani non puido cortar e que o dianteiro local aprobeitou para batir a Charly.
En resumo, dous a cero e un bo partido do equipo ante un dos equipos fortes da liga no que a sorte non acompañou pero sí o bó xogo. Este é o camiño que se debe seguir e o próximo domingo a U.D. ten unha boa oportunidade de desquitarse ante ó lider Piloño. Agardemos unha boa presencia de aficionados para animar ó equipo. Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, enero 07, 2010

Victoria para comenzar o ano

Primeiramente compre facer unha pequena referencia ó triangular disputado o 26 de decembro entre a U.D. Santiso, o equipo dos veteranos da U.D. e un combinado formado pola afición que unha vez máis se comportou de 10. Moita afluencia de público e sobre todo ganas de pasalo ben foron as constantes durante a tarde que se prolongou ata ben entrada a madrugada no pavillón polideportivo da Ponte tras a degustación dunha cea e recollida de trofeos incluida. O peor o frío, polo que unha segunda edición sería agradable poder celebralo na primavera ou no verán.
Pronto chegou o 2010 e con el a primeira victoria para o Santiso, 1 a 0 frente o Camporrapado. Non foi o mellor dos partidos para o equipo, inda que se crearon ocasións para anotar máis goles, o certo é que o equipo visitante tamén tivo algunha que outra ocasión sobre todo na primeira metade.
O equipo xogou con Dani en portería, Javi, Tono, José e Moncho en defensa, Sergio, Agustín, Monchito e Alex no centro do campo, con Michel e Micho en punta. No segundo tempo entraron Manuel, Manolo, Jose e Alberto Cordido.
O gol chegou no primeiro tempo tras unha internada de Alex pola banda esquerda que centrou para que Michel rematase de cabeza o que sería único gol do partido. O propio Alex tivo unha ocasión para marcar o segundo pero o porteiro visitante parou o tiro tras unha magnifica xogada individual. Micho puido marcar tamén un moi bo gol cando o resultado era de cero a cero ó rematar de tacón pero de novo o porteiro visitante detivo o tiro. Na segunda metade, Jose e Manolo tamén puideron anotar pero o marcador non se moveu.
Puido ser a resaca das festas navideñas ou do triangular disputado o día 26 o que influiu na falta de gol pero ó final conseguironse tres puntos, que é realmente o que importa e consolidado na sexta praza, o equipo buscará o vindeiro domingo dar a campanada ganando no feudo do segundo clasificado, o Sporting Estrada.
Saúdos e Forza Santiso!!