jueves, febrero 04, 2010

Fin da racha negativa

Tras unha particular "costa de xaneiro" na que o Santiso colleitou tres derrotas consecutivas, o equipo volveu á senda da victoria. O derrotado foi o Gresande, conxunto ó cal o Santiso lle ten ben tomada a medida, xa que os enfrontamentos dos últimos anos se contan por victorias.
A victoria deste pasado domingo foi xusta e así o amosa o marcador, 3 a 1 para os da casa, que incluso se permitiron o luxo de errar ocasións claras de gol.
O equipo titular foi: Charli na portería; Tono, Álvaro, Dani e Javi na defensa; Manuel, Agus, Alfonso e Álex no medio; e por último Micho e Míchel adiante. No segundo tempo entrou Manolo por Míchel e Sergio por Álex.
Xa dende o inicio, a balanza inclinouse para o lado do Santiso. Cada un dos dianteiros dispuxo de algunha ocasión para abrir o marcador. Tería máis fortuna Álex, nun tiro dende fora da área que petaba nun defensa e despistaba ó porteiro do Gresande, que vía como se coaba o balón na sua portería sen poder facer nada.
A partir de aí, houbo uns minutos de atascamento do equipo verdiamarelo, nos que lle costou sacar a bola do seu campo. Estes problemas foron resoltos cunha boa xogada que culminaba Álex en gol.
O partido acabou de poñerse de cara, cando Álvaro cabeceou con maestría un córner e subiu ó marcador o terceiro tanto. Incluso se puido incrementar a diferencia de goles cun testarazo de Manuel que deu no longueiro pero que botou na liña, segundo o árbitro. Así que con este resultado de 3-0 chegouse ó descanso.
Na segunda parte pouco que contar, o árbitro adicouse a interromper o encontro e apenas se puido xogar ó fútbol. O Santiso rentabilizou a vantaxe acadada no primeiro tempo, vantaxe que se viu mermada por un gol que meteu o Gresande.
Destacar a enorme actuación no encontro de Micho, que pese a non meter gol, fixo un gran traballo saltando a por tódolos balóns e recuperando un gran número deles amosando así o bo momento de forma no que se atopa. Tamén destacable a actuación de Alfonso, facendo un partido moi completo, tal e como acostuma a facelos.
A nota negativa do día foi a lesión de abductores de Tono, pendente de confirmación, que se sumaría así á de José por escordadura de xeonllo no encontro contra o Balouta.
O seguinte partido volve ser na casa, esta vez contra o Prevediños, así que animádevos a vir. Forza Santiso!!

2 comentarios:

  1. Falta facía unha nova victoria, e tamén con certa claridade. Esperemos encadear agora unha boa racha de triunfos!

    ResponderEliminar
  2. Súmome as alabanzas a Micho. Como ben dis, está nun momento espléndido. Xa o demostrou a xornada pasada en Lalín, xogando nunha posición á que decía non estar acostumado, foi quen de dominar o centro do campo. Este domingo xogou máis en punta, pero non escatimou en baixar a facer axudas cada vez que foi preciso. Así o viu tamén a afección, que, ó final do partido comentaba que só lle faltou un gol para enmarcar unha xornada expléndida. Por outro lado, alégrome que sexa así, pois os que o vemos adestrar cada venres, sabemos que a mellora de forma que se está a ver non é casual.

    Polo demais, respecto das lesións, despois de toda a semana de repouso completo, aínda non podería decir como responderán as pernas. Agardo probar entre mañán e o sábado para ver como vai a cousa.

    Saúdos.

    ResponderEliminar