martes, febrero 26, 2013

Remontada

O Santiso logrou un gran triunfo fronte ó Camporrado nun choque no que chegou a ir perdendo por dous goles ó descanso pero que acabou volteando o marcador deixando o resultado final de 3-2.

Polos locais xogaron Charli na porta, Tono, Manuel, Dani e Kike en defensa, Roberto, Agustín, Javi Ministro, David e Alex no medio con Manolo arriba. Na segunda metade Micho, Javi Ourense e Fran sustituiron a Javi Ministro, Roberto e David respectivamente.

O partido na primeira metade discurreu con dominio alterno pero foron os visitantes os que moveron o marcador anotando dous tantos, o primeiro logo dun erro defensivo de Dani e o segundo tras un pase da morte dende a banda que o dianteiro visitante non desperdiciou. A pesar da dureza do marcador, o Santiso non se veu abaixo e dispuxo de boas oportunidades de gol. As ocasións máis claras por parte local chegaron por mediación de Kike nun remate de falta e na mesma xogada o rexeite que non puido aprobeitar Manolo. Posteriormente e certa xa do remate do primeiro acto, David puido reducir distancias no marcador pero o seu remate foise fóra por moi pouco.

Tras o descanso, os locais fixeronse co control casi total do encontro dispoñendo de varias ocasións de gol e sin apenas sufrir en defensa. O primeiro gol para o equipo non se fixo agardar e acadouno Manolo cabeceando un remate de falta de Kike. O empate puido chegar minutos despois cando Agustín veu como o defensa visitante sacaba o seu remate de cabeza na mesma liña de meta, pero a igualada chegaría por mediación de Kike cun remate dende fóra da área. O terceiro gol puido ser obra de Javi Ourense pero de novo un defensa do Camporrapado evitaba que o remate entrase na porta visitante. O merecido premio para os locais chegaría nunha xogada casi calcada á do primeiro tanto cos mesmos protagonistas, Kike saca unha falta e Manolo cabecea ó fonda da rede o esférico. Sin embargo, os visitantes dispuxeron dunha gran oportunidade de igualar de novo o marcador cerca do final do choque cun remate falta pero unha estirada espectacular de Charli evitou o gol e que os visitantes conseguisen puntuar no Novo Zahorra.

O vindeiro partido do equipo será a domicilio fronte ó Trazo o próximo domingo.

Un saúdo e forza Santiso!!

jueves, febrero 21, 2013

Ilusións rachadas

As escasas opcións de chegar ó play-off de ascenso para o Santiso esfumaronse casi que por completo despois de caer fronte ó Villestro B por tres goles a dous.
 
Polos visitantes formaron Charli na porta, Isma, Tono, Dani e Kike en defensa, Roberto, Javi Ministro, Micho, David e Alex no medio, con Manolo na punta de ataque. Na segunda metade participaron Agustín, Fran e Manuel en sustitución de Javi Ministro, David e Micho respectivamente.
 
Na primeira metade o encontro foi dominado polos locais e o Santiso apenas visitou a área contraria. Charli permitiu ó equipo chegar con ópcións ó segundo acto con duas intervencións de mérito fronte ó dianteiro local en dous man a man. Deste xeito, ó descanso chegouse con empate a cero.
 
Na reanudación chegaron os goles, o primeiro foi paro o Santiso logo de que Kike colgase unha falta na área e o propio defensa do Villestro introducise o esférico na porta local. Quizais unha das claves do encontro foi que a ventaxa no marcador durou moi pouco e o empate no marcador foi un feito en poucos minutos. Peor se puxeron as cousas cando os locais conseguiron adiantarse logo de que o dianteiro do Villestro rematase de cabeza unha falta lonxana. Pero os visitantes non se renderon e buscaron restablecer de novo a igualada no marcador. Puido chegar primeiro por mediación de Manolo que anotou logo dun centro de Alex pero que o árbitro decideu pitar falta ó propio xogador de Mourazos antes de que éste realizase o centro, deixando deste xeito sin aplicar a lei da vantaxe. Pouco despois nunha xogada moito máis enredada, Alex conseguía anotar e manter con opcións de victoria ó equipo nos minutos finais. Nesta fase final, os locais quedaron con un xogador menos pero o Santiso xogou peor contra dez que contra once con un xogo demasiado precipitado que permitiu ó Villestro dispoñer de varias ocasións de gol e á postre o tanto definitivo do choque para dar o triunfo ós locais.
 
O próximo rival será o Camporrapado que visitará o Novo Zahorra o vindeiro domingo ás  4.15 da tarde.
 
Un saúdo e forza Santiso!!

lunes, febrero 11, 2013

Cómodo triunfo

Merecida e clara victoria a que acadou o Santiso o pasado domingo no Novo Zahorra. Os locais impuxeronse por catro goles á cero o equipo do Pino B, o que significou o resultado máis claro da tempada para o Santiso.

Polo equipo xogaron de inicio Charli na porta, Moncho, Tono, Dani e Kike en defensa, Roberto, Micho, Manuel, David e Alex no medio con Manolo na dianteira. Na segunda metade, Isma, Agustín, Fran, Javi Ministro e José de Trebolo sustituiron a Moncho, Manuel, David, Roberto e Alex respectivamente.

O encontro estivo marcado polas malas condicións metereolóxicas que sobre todo na primeira metade evitaron que o choque contase con máis accións de perigo nas áreas. Sin embargo, o equipo intentou sobrepoñerse e dispuxo de dúas grandes ocasións, primeiro nunha internada de Manolo pola banda esquerda que non atoupou rematador e despois nunha gran acción combinativa na que Roberto asisteu ó de Vilar para que rematase de cabeza un esférico que se foi finalmente fóra. Pero os goles son caprichosos, e chegan cando menos se esperan e neste primeiro acto así foi. O primeiro chegou por mediación de Charli que realizou un saque de falta dende campo propio que chegou ó fondo da rede sin que ninguén tocase o esférico. Antes do descanso chegaría o segundo logo dun centro á area de Tono que o gardameta visitante non foi quen de atrapar e Alex moi atento acadaría ampliar a ventaxa para o Santiso.

Na reanudación, o dominio local foi ainda máis claro sen apenas apuros en defensa e anotando dous goles máis; ambos obra de Manolo que finiquitou o choque en dous man a man contra o porteiro visitante. Javi Ministro primeiro e Micho despois dispuxeron da opción de ampliar o marcador pero o resultado non sufría máis variacións.

Partido moi completo do equipo tanto en ataque como en defensa que ven a refrendar as boas actuacións dos dous últimos choques. O seguinte partido será frente a outro filial, o equipo visitará ó Villestro B.

Un saúdo e forza Santiso!! 

lunes, febrero 04, 2013

A puntiño

Cerca, moi cerca estivo o Santiso de dar a sorpresa e arrancar algo positivo da visita a Resmón. O equipo vendeu cara a derrota nun encontro que finalizou co marcador de dous goles a un para os locais.

Polos visitantes actuaron Charli na portería, Isma, Tono, Dani e Kike en defensa, Roberto, Micho, Manuel, Javi Ourense e Alex no medio con Manolo na punta de ataque. Na segunda metade participaron Fran, Javi Ministro e Javi Liñares que sustituiron a Javi Ourense, Manuel e Isma respectivamente.

O peso do partido no primeiro tempo levouno o Resmón pero un gran esforzo defensivo de todo o equipo permitiu chegar ó descanso co marcador inicial. A pesar desto, os visitantes non renunciaron ó ataque e  dispuxeron de dúas grandes ocasións nas que dous centros de Alex e Javi Ourense non atoparon rematador ademáis dun remate de falta de Kike.

O segundo acto iniciouse de xeito nefasto para ó Santiso xa que ó pouco de comezar, un remate dende fóra da área rebotou en Charli despois de golpear no poste e intruduxose no fondo da portería. Lonxe de virse abaixo o equipo botouse arriba e buscou a igualada; o premio chegou despois dunha gran xogada combinativa na que Fran cedeu a Roberto para que éste asistise a Manolo que perforou a portería local nun certeiro remate. Ós últimos minutos do partido chegouse con igualada no marcador en parte gracias a unha magnífica parada de Charli que evitou un gol casi cantado nun man a man co dianteiro local. O desenlace final do partido foi cruel para os visitantes, xa que o gol definitivo do encontro chegaba nunha contra logo dunha falta a prol do Santiso con moitos efectivos en ataque buscando a victoria.

A pesar da derrota, o equipo mostrou carácter e puxo en dificultades a un dos favoritos da liga. Sin dúbida, éste é o camiño a seguir e pronto teñen que chegar os resultados. O próximo partido será o vindeiro domingo no Novo Zahorra ás 16.15 fronte O Pino B.

Un saúdo e forza Santiso!!