Tirando de casta, o Santiso foi capaz de darlle a volta ó marcador no último partido de liga disputado neste 2009. Esta é a crónica dun partido que ademáis marcaba o inicio da segunda volta do campionato.
O equipo visitaba o campo do Callobre con case todos os seus xogadores e con unhas ganas tremendas de revancha tras a derrota sufrida no encontro de ida na estrea do "Novo Zahorra". O míster Sandá sacaba ó terreo de xogo un equipo formado por: Charli na portería; Tono, Dani, José e Moncho na liña defensiva; Javi, Alfonso, Agus, Monchito e Alex no medio; e Alberto na dianteira. Unha forte aposta polo centro do campo que sen embargo non comezou funcionando, amosándose así o equipo visitante un pouco incómodo nos primeiros compases. Pese a iso non había un claro dominador, nin tampouco ocasións manifestas de gol.
A racha de infortunios empezaría cunha xogada embarullada que o equipo local aproveitou e transformou no primeiro gol do partido. A partires de aí, o equipo centrouse máis nas protestas por un posible fora de xogo no gol, que en seguir xogando. Por mor disto, pouco tardaría o noso gardamallas Charli en ser expulsado.
Situación: minuto 20 da primeira metade, con 10 xogadores sobre a area e perdendo 1-0.
Este suceso obligaba ó adestrador a mudar a táctica inicial e colocor a Dani na portería retrasando así a Agus ó centro da defensa.
Lonxe de amedrentarse, o Santiso pasou a levar a batuta no xogo e a dispor de varias ocasións para empatar no que restou de primeira metade.
Vendo isto, o equipo verdiamarelo saía a disputar a segunda metade tras o descanso co convencemento de que o gol chegaría. Certamente, as ocasións foron chegando pero como de costume, non se materializaban. O que si se materializaba era o desgaste físico que os xogadores estaban a sufrir por estar un menos. Así, Agus foi sustituído por Micho ó pouco de iniciar a segunda metade.
Nada máis entrar Micho no campo, un xogador local inventábase un gol ó tirar de volea dende case o centro do campo e batir a Dani que nada puido facer.
Situación: minuto 10 da segunda metade, 10 xogadores e un marcador de 2-0 en contra.
Ó igual que ocorrera co primeiro gol, o equipo non se veu abaixo e seguiu sendo o dominador do encontro, arrinconando ó Callobre no seu campo. Pola outra banda, o míster comezou a facer das súas, sacando do terreo homes da defensa (José e Tono) e metendo xogadores de ataque (Manolo e Jose). Unha táctica que traería resultados...
O refrán: "tanto vai o cántaro á fonte, que o cántaro rómpese" poderiamolo traducir como: tanto asediaba o Santiso ó Callobre, que os goles chegaron. O primeiro deles obra de Jose que culminaba cun bon tiro unha traballada xogada. O segundo unha "delicatesen" de Alfonso nun tiro de falta dende fora da área que se dirixiu á escadra local coma un mísil. E por último o terceiro, de novo Alfonso con outro fermoso tiro que batía por riba ó porteiro da casa.
Situación: final do partido, resultado de 2-3 e éxtase total entre a parroquia verdiamarela.
Por cousas coma estas é polo que un ama o fútbol...