miércoles, abril 18, 2007

¿25 Aniversario?


Como moitos saberedes, fai poucos días Nani celebrou o 10 aniversario a fronte do pub gatos (tedes o enlace á marxe e tamén no blog de riki). Tamén sabedes que Nani é desde hai moito tempo (creo que me dixo que empezara no 86 ou por aí...) xogador do noso equipo (agora na categoría de veteranos). De feito podedes velo na foto anterior ("recuerdos del pelo corto"). Moitos recordarédolo, coma min, pegado á banda da antiga entrada do Zahorra Stadium, levantando a man, o brazo e todo o que podía, ata que Charly o vía (e a xogada acostumaba a acabar ben cando así era).

Bueno, pois o outro día o propio Nani, púxome a mosca tras da orella o decirme que cría que este ano se cumpría o 25 aniversario da fundación da nosa querida UD, e que sendo así, habería que facer algo para celebralo. Xa temos algunhas ideas, pero imos falar antes con Fernando para que nos confirme este dato e para ver se ten algún material que poida aportar. Seguiremos informando...

martes, abril 17, 2007

U.D. Santiso 96-97

Velaí unha formación do Santiso da tempada 96-97. Se non me engano, debe ser o ano do ascenso a 2ª rexional. A foto remitiuma o gran riki (non se che escapa unha meu!) xa fai unhas semaniñas. Póñovos tamén os seus comentarios, porque ademais de dar a alineación describe "en doz palabraz", que diría Jesulín, a cada un, coa maestría con que nos ten acostumados:

"Ahi che vai Tono, a ud santiso De esquerda a dereia e de pé: Juan(tamén xogara no Cire, e acordome de velo entrenar cos pés descalzos e poñer brajas en vez de gayumbos, envidiado pola muller jejje),Michel (Bebeto, ou actualmente Vialli-entrenador,xogador-), Lito (aínda segue xogando, coido que no Toques, de Xubial ou Orois, que leña daba nas ligas de inverno co ivory jaja),Miguel Sueiro (todo polo fútbol),Rouco (un cachondo, creo que esta no Palas, eran míticas as suas coñas en Radio m,elide),Charly Cordido (no Arzúa, bon xogador onde os haxa), Baby (moi noviño agora segue no Melide ´Futbol Sala, ), Vitro (posición ganada). Abaixo: Pepe de novela (institución), Pepiño, Alfonso (la manguera donde eta...), José Luis Mourazos (aínda segue xogando con Limpiezas Apostol, leva anos coa rodillera), Julio (agora tamén no Toques, justalle o futbol de moita virjen), Fernando de Orois (coñecido tamén como Fernando Defensa, no Arzúa con Charly aínda), José Sueiro ( o maior dos Sueiros pero o mais pequeno jejeje), e Nani (pouco roquero daquelas jajaj). Veña a ver cando a pos no blog e mais do Santiso jejej, terás que recordar o episodio en que o Santiso lle gañou o Cire a Copa da Montaña¡ jajja un sáudo meu.
Pd, a calidade é bastante ruin porque esta escaneado dunha fotocopia e o meu escaner non é dos bos."

lunes, abril 02, 2007

Nova equipación


Santiso seniors 06/07 (se pinchades sobre a foto podedes vela mellor ou baixala):
De pé, de esquerda a dereita: Juan (adestrador), Dani, José, Marcos (Ronaldo), Álvaro, Míchel (adestrador-xogador), Manuel, Tono, Manolo (Ronaldiño), Alberto (Monchito), Charly e Joserra.
Agachados, de esquerda a dereita: Luis Carlos (patrocinador), Alfonso, Fran, Micho, Sandá, Javi, Moncho e Fernando (presidente)
Como xa se deixaba caer nalgún comentario anterior, este ano estrenamos nova equipación. O patrocinador é Luis Carlos (o fillo de Eladio e pai do noso porteiro Charly e máis de Enri). Aínda que houbo distintas opinións en canto ás cores e demais, sempre apoiaremos calquera iniciativa que veña encamiñada a apoiar ó equipo, que non anda precisamente sobrado de pasta, como é de esperar. O feito de que chegara casi ó final da tempada e sen o escudo do Santiso serigrafiado, fixo que só se puidesen utilizar 2 ou 3 partidos. Esperamos que a tempada que ven se consigan moitos triunfos con elas.

Xuvenís


Santiso de xuvenís 06/07 (podedes ver e baixar a foto pinchando sobre ela):
De pé, de esquerda a dereita: Pepe (adestrador), Pardo, Arango, Dani (cebolo), Pablo, Rafa, Sergi, Susín, Agustín, Julio (adestrador).
Agachados, de esquerda a dereita: Damián, Rafa, Vacenas, Raul, Javi, Bruno, Quique e Tomás.

Como ben saberedes algúns, ando un pouco tocado dun pé dende o partido do Balouta. Aproveitei o obrigado parón para animar ó Santiso e mesmo convencer a algúns para que me acompañasen e desprazarnos como afección visitante a algún campo. Houbo que recurrir a técnicas subversivas como as de "veña oh!!, que nos campos sempre hai taberna" ou "mira que diaza para pasar a resaca ó sol"... Con todo, aparecemos en campos como o de Gresande Javi, Jorge (Pájaro), Nacho, Mauro ("animador sociocultural" do veciño Toques) e máis xente.

Sin embargo tamén tiven tempo para ir ver os xuvenís no amistoso que disputaron contra o Cire, e ver de paso a pinta do novo e flamante campo dos nosos veciños. Os rapaces fixeron unha temporada magnífica, quedando a só 2 puntos de xogar a liguiña de ascenso, e mesmo gañando o campeón na última xornada, disputada este fin de semana (o que facía que se mantivesen as esperanzas ata o último momento). Pois aquí deixo a instantánea previa a disputa dese partido, que, por certo, gañaron por 5 goles a 2 como se recolle no blog do cire.

Non sei cantos destes rapaces rematan este ano cos xuvenís, nin cantos teñen pensado seguir no Santiso. Algúns como Susín, Arango, Bruno ou Rafa (seguro que máis pero non me acordo de todos) xa deron mostras da súa valía nalgúns partidos co primeiro equipo. Anímovos aos que queirades a deixar aquí as novas que consideredes.

lunes, marzo 12, 2007

Algunhas imaxes












A primeira instantánea e unha humilde homenaxe a todos aqueles que nos veñen ver e animar algún domingo. Aí temos, apoiados á barra, a Ovidio de Pezobre (pai de Marcos Ronaldo e tío de Alberto e Charly Cordido, Javi de Portocelo (que aínda que lle pega mellor ó baloncesto que o fútbol non se resiste ó espectáculo do Zahorra Stadium), o propio Alberto Cordido cando a súa ficha federativa aínda se estaba tramitando (cousas dos transfers internacionais Canarias-Galicia) e Carlos (ex-xogador tamén do Santiso).
A segunda está ahí porque da que pensar: conocendo a Ronaldiño... ¿Que lle estaría dicindo ó colexiado cando o saúdaba ó final do partido? Deixo que cada un pensedes o que se vos ocurra...
Se premedes sobre as fotos, podedes velas máis grandes.



Xornada 23

Problemas do equipo de redacción (traducidas básicamente nalgunha lesión arrastrada do partido fronte o Balouta) para desplazarse ó encontro que o Santiso xogou como visitante no campo do Silleda B. As noticias que chegaron foron que se conseguiu o terceiro empate consecutivo, esta vez a uns, noutro campo recién estreado de herba artificial (a ver se o noso é tamén realidade pronto). Tamén se oiu que mereceu máis o Santiso e que nada se pode reprochar esta vez as ganas que se puxeron sobre o campo.

O gol conseguiuno Dani, que xa leva un par xogando de central, así que ímos facer unha mención especial para él xa que algunha outra vez (penso no partido de ida co Sporting Estrada) tiña máis que merecida a categoría de xogador estrela.

Anecdotario
Parece que a este desplazamento sumouse o equipo directivo ó completo. Dise por ahí, que o noso presi Fernando é todo serenidade no palco visitante (se o houbera), que non se inmuta ante os goles do Santiso nin os fallos do trencilla ó que sempre anima e comprende. Impertérrito, observa o xogo dos seus pupilos sen mediar palabra... Bromas aparte, animámolo a que nos siga acompañando e animando con tanta forza ou máis que ata o de agora.

Xornada 22

Xa sei que imos xa pola 24, así que axiña acabo coa crónica do partido deste domingo e cólgoa. Namentres, aquí deixo a correspondente á anterior xornada na casa, tal e como a escribín no seu día:

A crónica
Quero comenzar a crónica da xornada como empezou o partido, cun recordo e unha mensaxe de ánimo para Samuel, xogador do Balouta, ex-xogador das categorías inferiores do Santiso se non me engano, e veciño de Pezobre que o domingo perdeu a súa nai. Inicialmente non se sabía se se ía xogar o partido, xa que a noticia se producía poucas horas antes. Finalmente, decidiuse xogar e gardar un minuto de silencio de apoio e homenaxe.

Polo demais, tarde primaveral no Zahorra Stadium. Volvía o Lorenzo que tantas veces cegou a Manolo para baixar eses balóns que mandamos á filloa e con el a afluencia de afeccionados, entre os que se encontraban algúns vellos ilustres. Alí estaba o gran capitán Pepe e os irmáns Sueiro, tres que siguen dando guerra na categoría de veteranos á que algún día teremos que dedicar algunhas liñas e imaxes. Tamén Pepe de Novela e outros asiduos animando.

Todo esto no día no que o Cire inauguraba o seu novo campo e no que nos devolvía visita os veciños de Muimenta, coa idea fixa na cabeza de que fomos os únicos capaces de derrotalos ata o momento. Non puidemos repetir fazaña, pero conseguimos un novo empate, o segundo consecutivo, nun partido intenso e animado. Adiantouse primeiro o Balouta. Tras un saque de banda a defensa local pareceu durmir e eso aproveitouno o seu dianteiro centro para batir a Charly de forte disparo pegado á cepa do poste. Sin embargo, pouco despois Manolo conseguía o empate nunha xogada repleta de forza na que mesmo pareceu entrar co balón na portería rival. Ó descanso o respetable mostrábase contento coa intensidade que outras veces tanto se botou en falta e disposto a seguir animando.

Na reanudación, foron de novo os pontevedreses os primeiros en golpear, pero o Santiso non se rendiu e tivo a merecida recompensa nun saque de esquina, cando o partido xa remataba no que Fran se adiantou ós defensas rivais e entre todos acabaron co balón no fondo da portería de David.

Xogador estrela
A mención especial vai hoxe para a sintonía entre o público e o equipo: empuxou o público e agradeceuno o equipo con esforzo e entrega. Será por aquelo de que era un derby e di o topicazo que son partidos especiais, pero o certo foi que se notou o extra de motivación que necesitaríamos outras veces para subir algún posto na táboa.

viernes, febrero 23, 2007

Xornada 21

A crónica
Empate sin goles no campo do Bandeira que deixou máis sensación de victoria que de derrota por varios motivos: o primeiro é que, como saberedes, esta tempada non está sendo demasiado productiva en resultados, de xeito que calquera punto conseguido ten mellor sabor, máis aínda se permite subir algún posto na clasificación, aínda que so sexa anécdótico (neste caso menos porque adiantamos ó Golada e a rivalidade local sempre está presente). O segundo motivo é que hai que decir, en honor á verdade, que se alguén mereceu gañar o partido o domingo foi o equipo local. Pero así como outras veces fixemos méritos e ocasións máis que dabondo para gañar e perdemos, o domingo tocou a de cal e trouxemos un puntiño.

Empezou o partido cun penalti tan xusto como involuntario que o Bandeira lanzou á cepa do ferro e discorreu con ocasións para os dous equipos, quizais máis destacadas para os locais, como a fermosa vaselina que mandaron ó longueiro superando a Charly e cando xa se cantaba o gol.

Así as cousas, e cun árbitro que pitou máis foras de xogo que todos os restantes árbitros xuntos da tempada (hai que decir que acertados na súa maioría, o raro é que cada árbitro pita totalmente distinto) nadie foi capaz de facer un gol. Axudou tamén que o colexiado non dese unha pena máxima para o Bandeira, co partido prácticamente rematado, desas que acostuman a pitarselle ós equipos locais máis que ós visitantes, un pouco esaxerada, todo hai que dicilo, polo dianteiro rival.

Xogador estrela
Esta xornada imos repartir ó título honorífico (ou a nota mental positiva, que diría o amigo José Salgado Bande) entre Dani e Charly. Entre os dous, foron un muro que tiveron casi toda a culpa de que a porta do Santiso quedase a cero. Dani sacou todo por alto e mesmo cortou unha xogada na que o xogador rival xa tiña a perna armada para o tiro ó mais puro estilo Cannavaro, cando Cannavaro era Cannavaro. Charly tivo algunha parada que recordou ó mellor Casillas en tiros a bocaxarro.

Anecdotario
Ronaldiño de VILAR, asiduo a esta sección estivo mareando ó árbitro, como de costume, indicado que xogadores "estaban apercibidos" e cales non. Creo que foi tamén un dos compoñentes fundadores do grupo "Los Manolos" que queda oficialmente instaurado no equipo para actuacións en vestiarios, propios e alleos, tra-los partidos.

Rematou o entroido amigos, e o pobre ten que cargar coas culpas de que o sábado se visen entre a plantilla do Santiso toureiros (¿matadores?), varias Pipi Calzaslargas, féminas de todo tipo... en fin, mellor non entrar en detalles. Por se fora pouco o domingo máis dun encontrou a excusa perfecta para acudir ó partido cunhas espectaculares uñas de colores (seica non houbo tempo, nin quitaesmalte...., quen sabe...!

Por certo, os asiduos ós almorzos no vestiario local ou nos desplazamentos, non fan oídos sordos dos consellos que predican vida sana e cada vez fan almorzos máis nutritivos: os plátanos, e froitas varias temos que engadir agora os bricks de Zumosol que, polo visto, fan milagros contra o garrafón da madrugada.

miércoles, febrero 14, 2007

Estamos de noraboa

Pois eso... Teño o gusto de presentarvos o nacemento desta nova andanza que é o caderno que arrancou miña irmá, con Santiso sempre na retina.
Os que ledes algunha vez os seus artigos no cerne xa saberedes como escribe, e ós que non convídovos a pasar por www.alareiradesantiso.blogspot.com e seguro que non quedades defraudados.

Xornada 20

A crónica
Horrible a tempada do Santiso no estrictamente deportivo. Oín o outro día cando saia do vestiario que é a peor racha da historia dun equipo que, se non me engano, comparte idade conmigo e, por tanto, anda xa encarando a trintena. Si podo decir que é a peor racha desde que empecei a ir ós venres na bicicleta ó campo da ponte antes do añorado paso pola segunda rexional. Tocan agora por tanto as vacas fracas. Confiemos en que, igual que pasa no fútbol de élite, esto sexa cousa de rachas e pronto volvamos a ver o Santiso máis arriba.
No tocante ó partido do domingo: Santiso 2-Estudiantil 3, ou o que é o mesmo: goles a favor do vento 5-goles en contra 0. Non se pode decir que foramos moito mellores que os contrincantes de Loimil, tampouco peores. Simplemente fíxose imposible xogar por momentos, e o Estudiantil aproveitou mellor o cuarto de hora escaso de furacán a favor para enchufarnos 3 goles que remontaban os dous que Ronaldiño fixera na primeira metade. Ben é certo que tamén desperdiciou unha clarísima ocasión de firmar un hat trick (outra cousa había ser que lle deixaramos levar o balón para a casa, que tampouco está a economía para moitos alardes).
Houbo tamén quen dixo que o trencilla tivera clara influencia no resultado. A saber, o primeiro gol do Estudiantil (conseguido polo sempiterno capitán Moncho que aí sigue dando guerra) posiblemente fora conseguido en fora de xogo. Tamén expulsou a Míchel por un deses arranques que ten sin pensar nas consecuencias (foi exactamente a misma resposta que lle deu a Santos, o árbitro de Prado pequeno e con bigote, cando lle preguntou se estaba ben despois dunha dura entrada. É dicir, mandouno a tomar por donde se empezan os cestos). E o certo é que tras o terceiro gol do Estudiantil, e cando xa so estabamos 10 sobre o campo, empezou a pitar a favor as típicas faltas das que antes non nos pitaba nin unha. Sin embargo, nadie pode reprochar que un árbitro de terceira rexional e sin xuíces de línea acerte en todos os foras de xogo e eu, persoalmente, penso que o resultado foi infinitamente máis influenciado polo aire que polo colexiado.
Finalmente, unha idea que lanzo, pero que deixo aí para ampliar outro día: simplemente abrir unha porta á esperanza. O outro día faltaban, como mínimo 4 ou 5 xogadores, que acostuman a ser titulares (desexamos os mancados unha pronta recuperación), e cun equipo de circunstancias: 11 xustos de salida e 10 durante gran parte do partido sóubose dar a cara. Se a eso añadimos que hai ata 3 equipos de categorías inferiores, temos que pensar que so é posible mellorar o feito ata de agora.

Xogador estrela
Ronaldiño de Transfontao (si, Manolo, xa sei que é de Mirce). Aproveitou dúas das tres ocasións que tivo e mantivo a presión e o derroche físico o que nos ten acostumados.

Anecdotario
Pode que sexamos un dos peores equipos da categoría este ano, pero nadie dudará de que somos un dos máis mediáticos. E por se fora pouco agora temos a "dobre R" atacante: Ronaldo e Ronaldiño. Casi nada!! (para os despistados Ronaldo é o fillo de Ovidio de Pezobre, por tanto, primo de dous futboleros de clase como son Charly e Alberto, e o outro día xa marcou en Vilatuxe, un campo, por outra parte, onde acostuman a mollar xogadores de gran categoría).

martes, enero 16, 2007

Xornadas 15 e 16

Primeiro o Richard Gere e agora esto..., pero tranquilos meus! este sigue sendo o blog do santiso. O que pasa é que ésta, aparte de ser unha das miñas películas favoritas, ten un título que ben a dicir porqué faltan as crónicas das dúas últimas xornadas. E é que o abaixofirmante, por motivos diversos, non puido acudir ós dous últimos encontros da nosa gloriosa udé. Si sabemos que no primeiro deles arrancamos un empate a dous tantos no Zahorra Stadium contra o Piloño no partido que inauguraba o novo ano. Resultado meritorio se se ten en conta que se comenzou perdendo dous a cero, así que, como di o tópico "gañouse un punto en vez de perder dous". Os dous tantos do Santiso foron anotados por Alfonso e orixinados en xogadas a balón parado. Tras un xusto penalti chegou o primeiro e o segundo veu tra-lo saque dunha falta.
En canto ó partido deste domingo decir que por fin chegou unha nova victoria, que non por esperada (xogábase contra o Prevediños que sigue con cero puntos) ten menos mérito. Gañou o santiso por 2 goles a 3 no campo dos de Touro con un gol de Manolo (Ronaldiño) e dous de Alberto (Cordido).
Cóntanme que neste partido o noso dianteiro centro viña, se cabe máis inspirado e falador que de costume, e que, unha vez máis, foi o colexiado quen máis disfrutou (ou sufriu) as súas ocurrencias con frases do tipo "pero que obstrucción nin mi madre árbitro, eso era na mili" ou "¿Pero como me pitas falta por decir "voooy!!"?, logho se digo vaaaca, ¿vasma pitar tamén?" e outras similares.
Por certo que, según parece, o propio Manolo, pese a non marcar no partido anterior, tamén aportou o seu gran de area, xa que ademais da súa constante entrega foi clave coméndolle a orella ó árbitro cando o Santiso perseguía a remontada. Parece ser que se escoitou unhas 100 veces algo como "Árbitro, hasta que empatemos non se che ocurra pitar eh!!".

Desexar, finalmente unha pronta recuperación o noso porteiro, máis que nada para que Iacha Junior poida volver a deleitarnos coas súas carreiras pola banda, pese a que me dín que o traxe de porteiro parece que foi feito á súa medida. En breve publicarei unha imaxe donde se demostra que con ese corpo calquera traxe senta ben.

Un saúdo a todos e forza Santiso!

jueves, diciembre 21, 2006

Xa estamos no Nadal. Manda truco...

Amigos. A sorpresa que todos agardábamos. Un, que ten os seus contactos conseguiu que a máis importante das estrelas mediáticas que apoian ó Santiso (ver anecdotario da crónica das xornadas 4ª e 5ª) felicite o nadal persoalmente. Aí queda eso.

miércoles, diciembre 20, 2006

14ª Xornada

A crónica
Aquí estamos de novo. Imos empezar por agradecer a todos os que vos pasades por aquí a paciencia (xa andades mal do corazón e quérovos matar...) que gastades cada vez que entrades e vedes o mismo de sempre. Vamos ver se lle poñemos remedio e lle damos un pouco de brío a esto. Se aínda andades por aí é que sodes fieis de verdade. Imos aló:

Comenzaba a segunda volta na Golada (ou Agolada como se di agora) e comenzaba exactamente igual a como acababa a primeira: con derrota pola mínima en campo visitante. Un a cero. Marcaron os do outro lado do Ulla na primeira metade dun aburrido partido que se disputou a fría tarde do domingo. E xa non houbo máis nada: nin ocasións, nin goles nin nada de nada.

Cada vez que marchamos a un partido sempre digo que o que vale é non se mancar e ter os pés quentes: pois o domingo nin unha cousa nin a outra. Por encima do frío houbo que lamentar as lesións de Joserra (que foi sustituído por Javier Ministro) e Sandá, que xa non puido ser cambiado ó ter Míchel feitos todos os cambios posibles, de forma que xogamos os últimos minutos con 10 xogadores.

Xogador estrela
É difícil destacar a alguén en partidos como o do outro día. Por falar de alguén, diremos que Sandá fixo algunha internada perigosa pola banda esquerda e soubo adaptarse ó cambio de posición cando Míchel o baixou ó lateral. Tamén se incorporou ben ó ataque e mesmo tivo nas súas botas a oportunidade do empate nunha bolea que saiu por encima da portería local xa ben avanzada a segunda metade (un dos poucos achegamentos do Santiso á portería rival).

Anecdotario
Non se queixarán os goladenses (¿dise goladense?) da clase de veciños que somos. Para empezar celebramos a cea de nadal na parrillada que leva o nome da vila, rexida polo noso amigo David (a parrillada non a vila, que se saiba...). Ademáis, e non quero ser recurrente, pero sei que se non fago mención alguén se me adiantará, coméntase por aí que un dos seus establecementos maís afamados, sito a este lado da ribeira do Arnego ten como clientes VIP a moitos santisentes. Pero por se esto fora pouco dúas das tres victorias que figuran no casilleiro do Golada son as correspondentes ós enfrontamentos co Santiso. A tempada que ven esperamos correxir as estadísticas no que os derbys locais se refire.

Bombas de palenque, foguetes de festa... queremos supoñer que tiñan que ver coa reinauguración do campo e non coa mínima victoria (que tamén axudaría). Se curioso é o terreo de xogo do Zahorra Stadium, o único campo azul do mundo quizais, non era menos curioso ver como se pode festexar con bombas a inauguración dun campo que tiña mais regos e lama que a maioría das leiras de meu avó despois de quince días de trebóns e xeada. Como escoite este fin de semana a algún de primeira división queixarse do estado do terreo de xogo arrebólolle o mando á televisión.

martes, diciembre 05, 2006

Selección galega












Á espera das últimas crónicas que están ó caer, aí vai, en rigurosa primicia, o cartel e o deseño da entrada do partido que a nosa selección disputará contra Ecuador o vindeiro 28 en Riazor. Quen sabe..., igual hai algún xogador do Santiso na convocatoria!. ¿Haberá que falar con Vázquez e co zorro de Arteixo para confirmalo?.

Por outra parte, se queredes información sobre as entradas, reservas, grupos... aí vos vai o enlace donde se conta todo ben clariño http://www.deportegalego.eu/eventos/evento.php?id=evento_5&lg=gal. Así de paso dádesvos unha volta pola páxina desta xente que da gusto como están a traballar polo deporte galego (xa saberedes: as distintas seleccións galegas, equipo de ciclismo propio e miles de cousas máis).

miércoles, noviembre 22, 2006

9ª Xornada

A crónica
O que avisa non é traidor, (ou eso dín). Xa dixemos que causaríamos a primeira derrota do Balouta en toda a tempada e así foi. Chegaba o Santiso a un campo dos que a calquera lle gusta xogar: herba verde natural ben cortadiña, climatoloxía acompañante e grande afluencia de público, mesmo con caras coñecidas da afección santisense. Tal é así que, por primeira vez, Míchel podía verse con problemas de descartes pola abundancia de xogadores con ficha presentes.Finalmente Micho autodescartouse para que puidesen xogar todos os demais nun xesto que mostra o seu espíritu de equipo (espíritu que, por outra parte, hai que decir que é o reinante pese a que os resultados ou o xogo non sexan tan bos como todos desexamos). As ganas de xogar tamén puideron coa nosa futura incorporación estrela, que recén chegada das illas afortunadas, foi quen de vencer a resaca dominical para presentarse co equipo mesmo co risco de non ter aínda ficha lista (finalmente así foi e teremos que esperar aínda para ver o seu debut esta tempada). No meramente futbolístico decir que se demostrou que o Santiso é capaz de vencer a calquera equipo da categoría (tamén pode perder con calquera, hai que decilo todo). Foi un encontro apaixoante pero donde fomos claros dominadores e xustos vencedores. O único gol do encontro chegou nunha xogada de libro: inicia a xogada Alberto no medio do campo abrindo á banda esquerda, profundiza Sandá e pon un centro que era medio gol para que Alfonso fusile de cabeza ó porteiro local. Tivo tamén o Balouta algunha ocasión marrada dentro da nosa área, pero o marcador non se volveu mover.

Xogador estrela
O Santiso. Expléndido

Anecdotario
Reproducción dunha conversa (literalmente) entre o árbitro e o noso Ronaldiño particular:
-(A): Quero ver a todos con espinilleras!. Xa avisei. Ó que vexa sin elas sácolle amarilla.
-(R): Lojo.... ¿¿¿as túas espinilleras árbitro??
-(A): (con cara de poucos amigos) Lojo seica vou levar patadas, ¿ou?
-(R): Aaaaaiiiiiii!!!!?????

Ós que conocemos a Manolo non se nos escapan as súas dotes para a amena conversa co árbitro e cos rivais. Cando comentamos esta no vestiario enterámonos doutra que tivo lugar o partido anterior:
-(R): (sinalando o anagrama da camiseta do colexiado) Coñó arbitro! vaia puma máis chulo tes aí. Ten tino que parece que che quere morder un pezón.
-(A): ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿??????????????????? (sen palabras)

Noutra orde de cousas, agradecer a Óscar da ponte a ronda de cañas que se marcou cando se convenceu (costou facelo) de que foramos os primeiros en gañar en Muimenta. Seguro que algún encontrou na divertida reunión que tivo lugar tra-lo partido na sua taberna unha motivación adicional para conseguir novas victorias.

E para finalizar saberedes que a victoria do Santiso tivo efectos colaterais: como si da primeira división se tratase o entrenador local presentou a súa renuncia irrevocable e colle o equipo o noso amigo David o que lle desexamos toda a sorte do mundo, aínda que xa queda avisado de que lles volveremos mollar a orella no Zahorra Stadium. Apaixoante duelo o que se presenta nos banquillos con dous primos (políticos) dirixindo dous equipos con tradición no fútbol rexional da comarca.

jueves, noviembre 09, 2006

8ª Xornada

A crónica
Resístensenos os bos resultados no Zahorra stadium como ben di Riki. Tampouco é que os resultados fora da casa sexan para tirar cohetes esta tempada, pero é que na casa so fomos capaces de gañar ó Prevediños, o último clasificado. Este domingo nova derrota, esta vez fronte ó Bandeira.
Empezaron os de Silleda marcando un gol por medio do seu dianteiro centro titular que aproveitou a súa corpulencia para peinar hacia atrás, e de costas á portería, un balón ó saque dunha falta desde o lateral.
Pouco despois chegaría a mellor oportunidade para o empate. Un penalti, por agarrón a José que se incorporou ó ataque, dos que non nos acostuman a pitar foi tirado por Alberto, pero non foi quen de enganar ó porteiro rival que despexou o tiro.
O empate viría, sen embargo, nunha boísima xogada na que Sandá profundizaba pola súa banda e poñía un centro que Manuel rematou de cabeza por encima do porteiro rival. Inapelable. Con empate a un e coa entrada de Alfonso na segunda metade contabamos que se podía remontar o partido e o certo é que houbo algunhas ocasións para facelo, pero ó dianteiro do Bandeira saiulle un tiro dos que son difíciles de repetir. Controlou o balón fora da área, escorado a unha banda e de costas a portería e, sen deixala caer, lanzou unha bolea en vaselina que sorprendía a Charly. Co 1-2 chegouse ó final do partido.
O próximo domingo visitamos o campo dos nosos veciños do At. Balouta, que este ano van líderes. Un dos mellores campos, en canto ó estado do terreo, da categoría. Así que sintoo por David (porteiro do Balouta, amigo, e compañeiro de fútbol saa en Melivet), pero chegará a primeria derrota esta tempada dos de Muimenta a cargo do Santiso.

Xogador estrela
Pese a que o nivel do equipo estivo bastante baixo, quizais se deba destacar a José, que foi quen de provocar un penalti e de resolver con acerto e moita forza (ás veces incluso arriscando demasiado) a maioría dos intentos de internada do Bandeira ademais de mostrarse tan contundente nos balóns aéreos como nos ten acostumados.

Anecdotario
Sabido é de todos o interés das nosas autoridades políticas por sanear a xuventude santisentes. Sumámonos á esa iniciativa recomendando a reapertura do bar/cafetería das gradas do campo do Santiso. O domingo había gran afluencia de público e, que mellor que unha boa caixa de quintos para curar as resecas dominicais favorecendo así ese saneamento tan desexado. Que bonitos aqueles tempos do Santiso-Fortuna e incluso outros non tan pasados na liga da amistade (outro día falarei dese curioso nome) nos que ata os propios futbolístas se sumaban o grupo no descanso, cando non o facían en exclusiva, para dar boa conta das medias de Estrella e sair con renovados ánimos a desputar as segundas metades.

Decir tamén, que como saberedes, un dos fondos do noso campo está adornado por un flamante castiñeiro (entre outras moitas árbores). Para aqueles que consideren que o espectáculo futbolístico non está á altura moitas das veces no municipal, decirlles que deberían acudir un pouco antes para presenciar no quecemento e en exclusiva como o noso flamante Ronaldiño (de Transfontao, ainda que el renegue e diga que é de Vilar) patenta un novo modo de abalar os ourizos. Vamos a ser xustos e decir que algún balón escapouse e foi á portería.

E para finalizar que saibades que, por suposto, desde o Santiso estaremos cun ollo posto nese espectáculo que terá lugar coincidindo coa reinaguración do municipal de Toques e afeccionados de ambos os dous contendientes. Sen embargo casi todos os consultados coincidimos en que debemos votar no blog de Riki que o partido corre serio risco por jarrafonada colectiva este sábado. Un saúdo para todos.

7ª Xornada

A crónica
Meritorio empate no campo do estudiantil. Meritorio, xa que o Santiso tivo que afrontar prácticamente todo o encontro con 10 xogadores. A poucos minutos do comenzo producíase unha típica xogada embarullada no área que remataba cun balón bombeado que se colaba na nosa portería cando Dani sacou á man para despexar por encima do longueiro. Penalti moi claro que o estudiantil transformou, pese a que Charly adivinou a dirección do tiro.

Sen Dani no campo Míchel mudou o esquema e hai que decir que a impresión o resto do partido foi que o Santiso fixo, cando menos, tantos méritos como o rival para levarse o encontro. Tocouse bastante o balón e a recompensa foi o gol conseguido por Alberto nun tiro con gran potencia desde dentro do área. Nadie foi capaz de volver a mover o marcador, pese a que hai que decir, en honor á verdade, que coa entrada do seu dianteiro máis veterano (un vello coñecido para moitos do Santiso) cerca do final, o Estudiantil tivo tamén algunhas boas ocasións de levarse o encontro.

Xogador estrela
Difícil destacar a alguén con diferencia, pero farémolo con Alberto por ser o único que foi quen de furar a meta rival.

Anecdotario
A xogada do penalti trouxo dúas instantáneas inmediatas a algúns dos que estabamos no campo. A primeira foi que recordou outros tempos nos que Dani, obligado polas circustancias, defendía a portería do Santiso. A súa gran parada o outro día fai pensar se non estará cavilando en disputarlle o posto a Charly. Por outra banda o primeiro comentario do colexiado tras pitar foi "non vos queixaredes que foi ben claro"!!!!! As mesmas palabras pero pronunciadas polo gran Rouco tras unha enorme sachada súa a un dianteiro do Porto do Son aínda son hoxe recordadas e ridas de cando en vez no vestiario.

E seguindo con frases celebérrimas e anécdotas pasadas, un non pode volver a Loimil, chegar a ese campo e ver eses carballos tras da portería que da á carretera sen recordar a famosa expulsión de Míchel por decirlle ó arbitro (textualmente segundo o acta) "Árbitro, foi el carballo. Pítale a ese carballo" logo de que o árbitro (o da pota de grelos na cabeza ou o becerreiro para outros) lle sacase amarela ó primeiro que pasaba por alí para non expulsar ó verdadeiro infractor.

miércoles, octubre 25, 2006

Santiso, paraíso soñado


Di a canción “Vivir na Coruña que bonito é”. Vivir en Santiso tamén é bonito. É bonito e á vez curioso, no sentido de que este concello podería ser sen problema a mostra científica na que se dese o caso da existencia de todo tipo de personaxes.
Se un extraterrestre aterrase en Santiso tería que afacerse a un ritmo moi distinto ao das cidades; distinto xa ao de Melide. En Santiso o tempo mídese polo sol, non polo reloxos. Os veciños atópanse cando botan as vacas pola mañá e paran a botar un conto, ou dous, ou dez, ou corenta...
Tería que afacerse ao cheiro, delicioso e inconfundible, da herba seca acabada de segar, que aniña na memoria dun ano para outro, e preguntaríase como é posible que teñamos unha clase política que leva máis de 30 anos quentando asento (quentando asento; deixando caer que a paga, como vén tamén pode marchar; vendendo favores que non son tal e seguindo ao pé da letra a política de Pista-Poste).
Seguramente o noso amigo extraterrestre se asombraría dos poucos cativos que ten o concello. Non é de estrañar, se temos en conta que cando se xuntan algúns posibles, o primeiro que fai a mocidade é buscar un piso en Melide. Oh....! Melide! O vello soño americano parece que se enxendrou aquí!
Xa non quedan escolas unitarias, acabouse o ruído das risas no recreo en calquera parroquia do concello. Agora toca, coma en todo, centralizar. Claro que non é o mesmo ser da Ponte ca de Visantoña. É coma Melide e Arzúa: oficialmente veciños pero inimigos e rivais ata nas competicións máis absurdas. A Cornella ou a piscina; o 14 de setembro ou o San Agustín, o Santiso F.S. ou o Lareira: non se pode estar cos dous! Hai que posicionarse! Dous colexios, dous centros médicos, dous equipos de fútbol, dous puntos neurálxicos de actividade comercial separados pola fronteira natural do Beseña. Mais, a cada lado medran os rancores, (que foi daqueles tempos das carreiras en Visantoña!!), as competencias,...
Vivir en Santiso, que bonito é! Ir os domingos á misa e atopar aos mesmos vellos, aos mesmos curas de hai vinte anos que forman parte da nosa historia, e aos mesmos rapazotes que van obrigados polas nais a durmir no último banco.
O noso extraterrestre visitante levaría unha imaxe dun sitio no que os mozos traballan para os pais. Vería que é posible chamarlle pista polideportiva a unha superficie cementada coma a que campa na entrada de Belmil. Sabería que non é imprescindible estudar medicina para expedir receitas médicas, que nin sequera hai que ter estudos para ser alcalde, e que e posible ir cada catro anos nunha lista electoral distinta e levar garabata con honor e coa cabeza guicha.
Pero, malia todo, posiblemente, o extraterrestre quedase a vivir con nós. Mágoa que teña que decidir a que lado do Beseña...

lunes, octubre 23, 2006

6ª Xornada

A crónica
Non puido ser. Comentaba riki o outro día que ademais da rivalidade futbolística Santiso-Vilatuxe, tamén estaba a rivalidade, ben entendida, claro está, entre as bandas de música dos respectivos concellos. Pois despois do visto o domingo no campo da Ponte haberá que esperar que os nosos amigos da municipal de Villar de Ferreiros estean máis acertados coa tromba e o bombo do que estivemos co esférico.

0-3. Ese foi o doloroso resultado que de novo enterra ó santiso nos postos baixos da táboa. Non foi un partido desastroso, pero sí quedou claro dende o principio que o Vilatuxe con un equipo de máis talla física, máis pelexón, e tamén máis oportunista se ía levar o encontro. Esta vez nin o sistema táctico de Míchel deu resultado. O Santiso era incapaz de acercarse con perigo a portería rival; so algún tiro lonxano e xogadas a balón parado creaban algo de inquedanza. E así, nunha xogada na que o número 10 rival gañaba en velocidade á defensa local, entrando pola banda esquerda de ataque do Vilatuxe, chegaba o primeiro gol. Charly foi que de rechazar o tiro, pero non o posterior remate do dianteiro rival debaixo da portería. A segundo gol chegou tras unha falta que botaba o Vilatuxe casi desde o círculo central. Un centro templado e o dianteiro rematou entre dous defensas e o porteiro. Un tipo de acción na que teremos que estar máis atentos en sucesivos partidos. O cerre púxose xa na segunda metade, cun Santiso xa entregado.

Esperemos que este resultado sirva para facer reaccionar ó equipo. Seguro que o fará se sigue entrenando e traballando como ata agora. Temos que ter en conta, ademais que non puidemos contar con Alfonso no medio do campo e xa sabemos o que eso representa para o xogo do Santiso.

Non queda máis que agradecer o, esta vez numeroso, público que asistiu ó encontro e pedirlles que non desanimen e que sigan apoiando como o fixeron o domingo. Xogouse contra un dos equipos chamados a estar arriba na clasificación. Seguro que en vindeiros encontros volveremos ofrecer goles e victorias á nosa xente.

Xogador estrela
Nunha xornada na que o equipo, en xeral, estivo bastante gris, debemos destacar con xustiza a Moncho como un dos que máis gañas e empuxe físico aportou. Defendeu con acerto e sumouse ó ataque sempre que puiudo pola súa banda. Mesmo chegou a crear perigo cun lonxano tiro de falta "ó estilo Roberto Carlos" que tivo que sacar o porteiro visitante. Soubo conterse ademais
cando o árbitro lle mostrou a amarela e moitos apostaban por que non acabaría o partido. Esperemos que esas gañas súas contaxien ó resto do equipo o vindeiro domingo no que visitamos o campo do Estudiantil.

Anecdotario
Cando Luxemburgo chegou ó Madrid, unha das incorporacións estrela fora Patricia Teixeira. Unha nutricionista, de bastante bon ver, que se comentaba que fixera adelgazar a Ronaldo 6 kilos cos seus métodos. Non sabemos se Míchel se puxo en contacto con esta profesional, pero o caso é que 2 xogadores do equipo, dos que máis manteñen o tipo en canto a quilos se refire, chegaron ó vestiario con plátanos e mandarinas como todo o seu xantar. Eso sí, coméntase que a noite do sábado foi longa para eles e mesmo un chegou cunha gorra e un cinto femenino que causarían estragos no mesmo París. Xa se sabe... os xogadores sempre marcando tendencias.

Por outro lado, témoslle que pedir a José que ate ben as botas, para evitar que algunha volva a saír disparada como ocorreu nun saque de porta no que ninguén saiu ferido.

E para finalizar ¿Non se vos parecía a Melendi o porteiro do Vilatuxe? ¿Alguén lle preguntou polo chocolate que máis lle gusta?

martes, octubre 17, 2006

4ª e 5ª xornadas

A crónica
Respecto a 4ª xornada, temos que decir que saimos derrotados por 4-3 do campo do Lamela-B. E eso que ós 15 minutos xa se gañaba por 3 goles a cero. Ó descanso chegouse con un 3-2 favorable, pero a expulsión de Álvaro e outra serie de circunstancias estrañas, que estamos seguros que non se repetirán, propiciaron a remontada do Lamela nun partido que tiñamos
gañado e que nos mesmos nos encargamos de botar por terra. O feito de que só 12 xogadores se puidesen desprazar ó partido, de seguro que tamén influiu neste adverso resultado. Decir finalmente que os goles do Santiso foron conseguidos por Míchel de penalty, Álvaro e José.

En canto a 5ª xornada, a victoria no campo do Dozón, fixo esquecer a derrota anterior e devolve ó Santiso ó medio da táboa clasificatoria. O resultado serviu ademais para alonxar as pantasmas creadas no partido anterior, pois, como naquel caso, conseguimos poñernos cun marcador de 3-0 a favor. Sin embargo, e pese á confusión dos 5 minutos finais, que puideron costarnos máis caro, esta vez a remontada non se produciu. Os goles do santiso foron anotados por Jose (José Manuel o do Padrón), que viu así recompensada a súa presión constante ó porteiro e a defensa rivais, Sandá e Moncho nun espectacular salto ó saque dun corner no que se impuxo a toda a defensa do Dozón. Sen embargo, parece que o arbitro concedeu este gol, que por certo para algúns non chegou a entrar, a Manuel, pero seguro que Moncho o seguirá intentando.

Desde logo non se poderá queixar o escaso público que acude ó municipal. O Santiso é, con 14 dianas, o equipo máximo goleador da categoría. Hai que decir tamén que so os dous últimos clasificados levan máis goles encaixados. Polo tanto, pódese decir que un pode acudir a ver este equipo con altas probabilidades de ver un bo espectáculo, polo menos no que a goles se refire.
Se a esto engadimos que a vindeira xornada recibimos ó Vilatuxe, o segundo equipo máis goleador con só un gol menos, debería ser argumento suficiente como para que os indecisos se animasen a achegarse o vindeiro domingo ó campo da Ponte. Deste xeito poden comenzar a tarde sobre as 4 vendo este emocionante partido e completar logo a tarde futbolística das que fan afección co Madrid-Barça do Bernabeu (sen dúbida, dous partidos de altura).
Outro dato a ter en conta e o enormemente distribuidos que están os goles que consigue o Santiso entre os seus xogadores. De feito, so 4 ou 5 deles aínda non viron porta rival, o que fai que a loita polo pichichi particular do equipo se presente máis aberta que nunca.

Xogador estrela
A falta da categoría de "Adestrador estrela" na que pugnaría cada semana a dupla Míchel-Juan, temos que asignar hoxe este galardón ó noso entrenador-xogador Míchel. E é que o seu revolucionario 5-4-1, para outros entendido como 3-4-3 cos laterales facendo de carrileiros, pero que o seu propio creador definiu como "chamádelle como queirades, pero é o mismo que o outro día", está empezando a dar resultados.

Nadie discute a categoría de Míchel como xogador, eso sí, cando está motivado e con ganas de xogar, pero a este paso teremos que falar pronto do novo Fernando Vázquez galego (ou quizais se se anima a deixar bigote o novo David Vidal, quen sabe...).

Anecdotario
Neste novo afán por abrir novos mercados, pensamos sobre todo en Oriente (non falamos neste caso de China ni Xapón senón do eixo Touro-Agolada-Tabeirós) coméntase que o Santiso incorporou á súa causa mesmo a estrelas da talla de Richard Gere (adicamos esta anécdota a José e Sandá que, ben seguro, pensaban que esto non sairía do vestiario).

Por outra banda, houbo unha pequena falta de comunicación entre o dúo de dirección técnica que fixo que algúns xogadores se desplazasen ó municipal de Dozón sen a pertinente ficha federativa. Ante esta situación considerouse, por unha vez e sen que sirva de precedente, que esta vez Alfonso non lle ía decir ó árbitro aquelo de "Eu son meu irmao oh!!!" que xa pensaramos para Míchel na Estrada.