miércoles, octubre 25, 2006

Santiso, paraíso soñado


Di a canción “Vivir na Coruña que bonito é”. Vivir en Santiso tamén é bonito. É bonito e á vez curioso, no sentido de que este concello podería ser sen problema a mostra científica na que se dese o caso da existencia de todo tipo de personaxes.
Se un extraterrestre aterrase en Santiso tería que afacerse a un ritmo moi distinto ao das cidades; distinto xa ao de Melide. En Santiso o tempo mídese polo sol, non polo reloxos. Os veciños atópanse cando botan as vacas pola mañá e paran a botar un conto, ou dous, ou dez, ou corenta...
Tería que afacerse ao cheiro, delicioso e inconfundible, da herba seca acabada de segar, que aniña na memoria dun ano para outro, e preguntaríase como é posible que teñamos unha clase política que leva máis de 30 anos quentando asento (quentando asento; deixando caer que a paga, como vén tamén pode marchar; vendendo favores que non son tal e seguindo ao pé da letra a política de Pista-Poste).
Seguramente o noso amigo extraterrestre se asombraría dos poucos cativos que ten o concello. Non é de estrañar, se temos en conta que cando se xuntan algúns posibles, o primeiro que fai a mocidade é buscar un piso en Melide. Oh....! Melide! O vello soño americano parece que se enxendrou aquí!
Xa non quedan escolas unitarias, acabouse o ruído das risas no recreo en calquera parroquia do concello. Agora toca, coma en todo, centralizar. Claro que non é o mesmo ser da Ponte ca de Visantoña. É coma Melide e Arzúa: oficialmente veciños pero inimigos e rivais ata nas competicións máis absurdas. A Cornella ou a piscina; o 14 de setembro ou o San Agustín, o Santiso F.S. ou o Lareira: non se pode estar cos dous! Hai que posicionarse! Dous colexios, dous centros médicos, dous equipos de fútbol, dous puntos neurálxicos de actividade comercial separados pola fronteira natural do Beseña. Mais, a cada lado medran os rancores, (que foi daqueles tempos das carreiras en Visantoña!!), as competencias,...
Vivir en Santiso, que bonito é! Ir os domingos á misa e atopar aos mesmos vellos, aos mesmos curas de hai vinte anos que forman parte da nosa historia, e aos mesmos rapazotes que van obrigados polas nais a durmir no último banco.
O noso extraterrestre visitante levaría unha imaxe dun sitio no que os mozos traballan para os pais. Vería que é posible chamarlle pista polideportiva a unha superficie cementada coma a que campa na entrada de Belmil. Sabería que non é imprescindible estudar medicina para expedir receitas médicas, que nin sequera hai que ter estudos para ser alcalde, e que e posible ir cada catro anos nunha lista electoral distinta e levar garabata con honor e coa cabeza guicha.
Pero, malia todo, posiblemente, o extraterrestre quedase a vivir con nós. Mágoa que teña que decidir a que lado do Beseña...

6 comentarios:

  1. Si señor. Vaia texto máis bonito. Noraboa á escritora, un 10.
    Eu que son de Melide doulle a razón, para canto máis os de un lado ou outro do Beseña, cada un tirará pa súa casa, para o seu centro médico, as súas festas (personalmente quédome co S.Agustín máis que nada pq a do río nunca fun...), etc. Pero bueno, coma ben dis, Melide-Arzúa veciños pero (casi) inimigos.

    Saúd0s!

    ResponderEliminar
  2. Tedes moito vicio, a ver en que lugar de Gz está a xuventude saneada, as conetas limpas e pontos de lus en tódalas parroquias.
    Dende Melide entédesevos mais que nada porque todo o mundo (ou case) ven da aldea, os nosos pais ou avós viñeron da aldea pra Millí pero as costumes da aldea coñecémolas ben. Os cheiros dos que falas (hai cantas xornadas de herba seca, menos mal que chegaron os bolos), esas matanzas míticas, as festas en honra a...x, romerías, etc etc
    E estou dacordo quen no se quedaría a vivir na Mariña da Cerne de Galicia?.
    un saúdo e unha ledicia poder lerte tamén en internet.

    ResponderEliminar
  3. Xa choveu, xa! Dende o 23 de outubro que non sabemos nadiña da "gloriosa ud".
    Que será dos nosos xogadores!
    Como decorrerán os destinos das nosas estrelas futbolísticas!
    Que será das resacas domingueras sudadas a golpe de domingo despois de xantar!
    Ai..........!
    non sabemos nadiña......!

    ResponderEliminar
  4. No apartadiño ese de "Contributors" hai outro apartadiño que chama poderosamente a atención. Léase: "sexo: male"
    Male?

    Non, non! Non máis preguntas!

    ResponderEliminar
  5. Carai!! como me gustou o que escribiches!! eu son de santiso, e totalmente dacordo contigo, será un lugar pekeno, sen xente nova, kedando despoboado,pero para min non hai lugar máis fermoso, cada aldea, cada prado, cada monte... cada recuncho é máxico, e éncheseme a boca ó falar da miña terra, pq é única!! un saúdo e felicidades polo escrito!!!!

    ResponderEliminar
  6. Grazas pola parte que me toca. Aínda que nolo estropeen as autoridades políticas, e aínda que teñamos ese caracter tan..... así, segue sendo un lugar bonito para vivir.
    Grazas, outra vez.

    ResponderEliminar